O deputado Paulo Ríos reitera o apoio do BNG á EII “Nosa Sra. Do Carme”
Paulo Ríos avanza iniciativas no Parlamento e considera que “a Consellería de Educación está mostrando un claro desprezo á comunidade educativa, que vén de facer un tremendo esforzo neste curso para asegurar unha educación segura e de calidade ao alumnado.”
Lucía Santos afirmou que o BNG esixirá do Goberno local do PP a execución da moción aprobada por unanimidade no pasado Pleno da Corporación municipal en defensa deste centro escolar de Marín, pois “non vale aprobar unha moción para quedar ben coa comunidade educativa e logo non facer nada para non provocar molestias no seu partido.”
O BNG mantivo onte luns unha nova xuntanza coa ANPA da Escola de Educación Infantil “Nosa Sra. Do Carme”, na que participaron o deputado parlamentar Paulo Ríos e a portavoz municipal Lucía Santos, para tratar os recortes que a Xunta vén de aplicar neste centro educativo do noso concello.
A Consellaría de Cultura, Educación e Universidade está a trasladar, a través dos servizos de inspección a diferentes centros do país, os recortes no cadro do persoal docente para o próximo curso. A EEI Nosa Sra. Do Carme de Marín é un dos centros que xa foron informados, onde a Xunta prevé pechar unha unidade e perderanse tres profesores.
A Portavoz Municipal do BNG de Marín afirma que “a escola quedará con dúas liñas nas que convivirán rapaces/as de 2 a 6 anos, o que implicará ter que aumentar a ratio de alumnado, nunha escola onde amais hai rapaces con necesidades especiais, coa conseguinte perda de calidade do ensino.”
Lucía Santos engade que “esta decisión resulta totalmente inxustificada xa que nos atopamos nunha situación sanitaria moi delicada, en medio dunha pandemia moi lonxe de estar superada, polo que cómpre aumentar os esforzos para asegurar un curso escolar seguro e de calidade. E non parece que recortar profesorado e recursos, así como aumentar as ratios por aula, vaian nesta dirección.”
O deputado Paulo Ríos informou que dende o BNG xa se rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego, “na que se denuncian os recortes que se están comunicando a diferentes centros educativos e na que se solicita que o Goberno do PP manteña todo o profesorado necesario en todos os centros educativos deste curso, garantindo o mantemento dos postos de traballo creados neste 20/21, e reforzar os cadros de persoal do ensino público co obxetivo de reducir as ratios máximas por aula e recuperar o horario lectivo do profesorado.”
Paulo Ríos considera que “a Consellería de Educación está mostrando un claro desprezo á comunidade educativa, que vén de facer un tremendo esforzo neste curso para asegurar unha educación segura e de calidade ao alumnado.”
Amais desta iniciativa, o deputado do BNG informou á ANPA da EEI Nosa Sra. Do Carme que presentará nos vindeiros días unha nova iniciativa no Parlamento en relación con este centro de Marín, na que se solicitará a rectificación das medidas anunciadas.
Por outra banda, Lucía Santos afirmou que o BNG esixirá do Goberno local do PP a execución da moción aprobada por unanimidade no pasado Pleno da Corporación municipal en defensa deste centro escolar de Marín, pois “non vale aprobar unha moción para quedar ben coa comunidade educativa e logo non facer nada para non provocar molestias no seu partido. Desde o BNG estamos facendo, e faremos, todo o que estea na nosa man para evitar os recortes anunciados neste centro escolar.”