O BNG considera insuficiente a actuación do goberno local na defensa da EEI “Nosa Señora do Carme”

Lucía Santos solicita unha maior implicación do goberno local e a convocatoria, por vía de urxencia, do Consello Escolar Municipal. 

O BNG considera insuficiente a actuación do goberno local na defensa da EEI “Nosa Señora do Carme”

A comezos do mes de xullo, co curso escolar xa rematado e no último día lectivo do profesorado, a Consellaría de Educación, Educación e Universidade anunciou a súa decisión de pechar unha aula na Escola de Educación Infantil “Nosa Sra do Carme”, así como a supresión de tres postos de profesorado do colexio.

Un feito, segundo manifesta a Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos, que “supón unha mostra de falta absoluta de transparencia e información, tanto ás persoas traballadoras do centro como ás familias que escolleron esta escola para matricular aos seus fillos/as, que cando comece o curso escolar atoparanse cunha situación totalmente distinta á existente cando reservaron praza para o vindeiro curso escolar.”

A Consellaría de Cultura, Educación e Universidade está informando de importantes recortes en persoal para o vindeiro curso escolar a diferentes centros do país durante estes meses de verán, o que “resulta totalmente inxustificado, xa que como todo parece indicar continuaremos cunha situación sanitaria moi delicada, causada por unha pandemia que a todas luces está moi lonxe de ser superada. Esta situación esixe reforzos, non recortes”, en palabras de Lucía Santos.

No pasado Pleno Municipal do mes de xullo, a ANPA do centro trasladou unha moción que resultou aprobada por unanimidade, na que se solicitaba o apoio da Corporación Municipal ao mantemento das aulas para cada curso de educación infantil cun titor/a por aula e mantendo ao mesmo profesorado.

Lucía Santos considera que “as xestións levadas a cabo desde o Concello neste mes transcorrido desde a aprobación da moción son insuficientes. O posicionamento do PP ficou no voto favorábel á moción, un voto de cara á galería, para non quedar mal coa comunidade educativa do centro, mais desde entón as únicas actuacións levadas a cabo dende o goberno municipal foron instar ao director xeral de centros e ao xefe territorial para manter unha xuntanza coa ANPA do centro pero sen facer a mais mínima presión para esixir a rectificación destas medidas por parte da Xunta de Galiza.”

É por isto que a Portavoz do BNG de Marín vén de solicitar á alcaldesa María Ramallo unha maior implicación con este centro do noso concello e a convocatoria, por vía de urxencia, do Consello Escolar Municipal para tratar esta cuestión, xa que como recolle o regulamento deste órgano no Art.1, “ O Consello Municipal de Marín constitúese como órgano de consulta e participación dos sectores afectados na programación do ensino non universitario, e na planificación dos centros escolares de ámbito municipal de Marín”.

En opinión de Lucía Santos, “os recortes que teñen previsto aplicar dende a Xunta e que afectan a un centro escolar do noso municipio dun xeito moi grave, como é o caso da escola “Nosa Sra do Carme”, debería ser tratado neste órgano de cara a apoiar as reivindicacións das familias afectadas neste centro.”

O BNG considera insuficiente a actuación do goberno local na defensa da EEI “Nosa Señora do Carme”