O BNG esixe a execución inmediata das melloras no muro do Camiño de Cividanes

IMG20210709173616

Lucía Santos comprobou “in situ” o estado da zona e insta ao concelleiro de urbanismo, Manuel Santos, “a actuar de inmediato antes de ter que lamentar unha desgraza.”

"É unha actuación vital dado o risco de derrumbe, mais cómpre actuar e deixar de facer publicidade nos medios, polo que pediremos na vindeira Comisión de Urbanismo a execución inmediata destas obras e unha maior seriedade polo ben da seguridade da veciñanza.”

O BNG esixe a execución inmediata das melloras no muro do Camiño de Cividanes

O BNG recibiu nos pasados días as queixas dun grupo de veciños e veciñas da Costa, Cividanes e Camiño San Jorge pola situación de abandono xeral na que se atopa a zona, como a falta de mantemento da estrada do Camiño San Jorge e a falta de limpeza da vexetación.

Mais a veciñanza tamén amosou a súa gran preocupación polo estado de deterioro do muro de sostemento do Camiño de Cividanes, que presenta un grave perigo de derrube e que se atopa a carón dun grupo de vivendas. Preocupación e enfado co goberno local do PP ante a falta de cumprimento das súas promesas e ante a falta de respostas coa que se atopan no Concello cando preguntan polo estado dos traballos en dito muro.

O muro, construido hai máis de corenta anos, fai de estrada de acceso a vivendas do Camiño San Jorge, estrada chea de baches e sen canalización para augas pluviais, polo que cando chove o acceso ás vivendas queda totalmente anegado. Ademais, esta estrada está soportada sobre dous pilares de formigón, gravemente deteriorados polo paso do tempo e que supón un perigo para a veciñanza da zona.

O concelleiro de urbanismo, Manuel Santos, anunciou en xaneiro de 2020 que se ía comezar o proxecto de mellora do muro de sostemento do Camiño de Cividanes, xa que era unha actuación “vital” dado o mal estado de conservación desta infraestructura. O concelleiro de urbanismo chega a afirmar que “hai un risco de derrubamento”.

Nove meses despois, en outubro de 2020, Manuel Santos volta facer pública a mesma nota de xaneiro, exactamente a mesma. Estamos en xullo de 2021, pasou máis dun ano e medio desde o primeiro anuncio, e non se fixo absolutamente nada para realizar esta actuación “vital”, en palabras do propio concelleiro.

Cómpre recoñecer que algo si se fixo. A empresa que supostamente ía realizar os traballos de mellora do muro colocou dous postes, apuntalados por dúas grandes estruturas de cemento, unha colocada no muro da Finca de Briz e a outra diante da porta da casa dunha veciña, que o único que xereran son inconvenientes.

A Portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, “non comprendo como despois de 18 meses de promesas, esta obra, tan necesaria para a seguridade da veciñanza, continúa sen executarse. E o máis preocupante é a falta de resposta do goberno municipal ás constantes preguntas da veciñanza da zona. No BNG agardamos que o goberno municipal non volte facer pública a mesma nota por terceira vez e, no seu lugar, se poña a traballar.”

Lucía Santos comprobou “in situ” o estado da zona e insta ao concelleiro de urbanismo, Manuel Santos, “a actuar de inmediato antes de ter que lamentar unha desgraza. Coincidimos coa veciñanza, e co concelleiro de urbanismo, en que esta é unha actuación vital dado o risco de derrumbe, mais cómpre actuar e deixarse de facer publicidade nos medios, polo que pediremos na vindeira Comisión de Urbanismo a Manuel Santos Costa a execución inmediata destas obras e unha maior seriedade nas súas funcións polo ben da seguridade da veciñanza.”

O BNG esixe a execución inmediata das melloras no muro do Camiño de Cividanes