O conselleiro de Sanidade comprométese co BNG ao mantemento do centro de saúde de Seixo
Paulo Ríos advirte á Xunta de que a non substitución de profesionais tamén é un modo de deixar morrer un centro e a sanidade pública de calidade
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comprometeu a pregunta do BNG no pleno do Parlamento galego o mantemento do centro de saúde de Seixo no concello de Marín que, segundo explicou o deputado nacionalista Paulo Ríos, “leva anos soportando recortes no que atinxe ao persoal”, por un lado coa eliminación do reforzo estival por mor do turismo e, por outro, coa perda da auxiliar de enfermería a tempo completo que, na actualidade, ten que compartir co centro de saúde de Marín.
Ríos recalcou que o centro de saúde de Seixo dá servizo ás parroquias de Santomé, Seixo, Ardán e O Campo, o que representa unha poboación de preto de 5.000 persoas, ás que hai que engadir o turismo en época estival, as traballadoras e traballadores das empresas da zona -“algunhas dun tamaño considerable”, subliñou- que teñen este centro como referencia na atención das urxencias.
“Dende o grupo parlamentar do BNG queremos saber que vai pasar coa atención neste centro de saúde”, cuestionou para indicar a continuación que “este mesmo verán un dos dous médicos que dan servizo en Seixo, xubílase, mentres que o outro debe desfrutar das súas vacacións”.
Logo de recordar que a política sanitaria da Xunta xa conseguiu “un fito histórico” nesta parroquia de Marín ao levar ás rúas a milleiros de persoas para protestar contra os recortes do Goberno de Feixóo e para defender o seu dereito a ter unha sanidade pública e de calidade, o deputado nacionalista advertiu de que “hai moitos xeitos de deixar morrer un centro de saúde e un deles “é a non contratación ou non substitución de persoal”.
De igual xeito, apuntou a que outro dos modos é a non adecuación dos servizos ás necesidades da veciñanza e, neste sentido, asegurou que “nunhas parroquias con varios colexios e escola infantil, é fundamental contar con horario e profesionais de pediatría, así como tamén dispor de horarios e profesionais de fisioterapia”.
Logo do compromiso do conselleiro no pleno da Cámara galega, Ríos concluíu que o BNG vai estar vixiante para o seu cumprimento e que seguirá a reivindicar o fortalecemento da sanidade pública no Seixo, como no conxunto do país.