O BNG traslada a Pleno Muncipal a moción da Plataforma SOS Sanidade Pública na defensa da atención primaria
Lucía Santos solicitará o apoio da corporación municipal para instar á Consellaría de Sanidade a incrementar de maneira urxente o presuposto sanitario para contratación de persoal preciso para os centros de saúde de Marín e Seixo
O BNG trasladará ao pleno deste xoves 11 de novembro, unha moción da Plataforma SOS Sanidade Pública, da cal a organización forma parte, para solicitar á corporación municipal o apoio na defensa da atención primaria sanitaria.
Se antes da pandemia da COVID-19 a atención primaria atravesaba unha profunda crise estrutural, con demoras e masificacións de asistencia, motivados polos recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos gobernos do Partido Popular, na actualidade a situación agravouse considerábelmente. Os orzamentos na Atención Primaria apenas supoñen o 12% do orzamento sanitario total, polo que é evidente e urxente incrementalo.
Durante a crise da pandemia, paralizouse tanto a actividade na Atención primaria como a Hospitalaria, por medo a sufrir colapsos nos hospitais, o que supuxo postergar a actividade asistencial preferente e crónica, ademais da actividade quirúrxica non urxente. Isto conlevou un importante incremento das demoras tanto en consultas como en probas complementarias, así como as listas de espera quirúrxicas. Estímase que en Galiza paralizáronse ao redor de 3.000 intervencións quirúrxicas, 600.000 consultas e 20.000 probas diagnósticas. Ó mesmo tempo, a administración pechou os centros de saúde limitando o acceso e substituíndo a consulta presencial pola telefónica, reducindo o aforo das salas de espera e obrigando aos pacientes a facer cola fóra dos centros sanitarios para recibir atención.
Durante estes últimos meses, a atención presencial no concello de Marín reactivouse parcialmente pero seguen primando as consultas telefónicas sobre as presenciais e con importantes recortes de persoal nos centros de saúde de Marín e Seixo o que conleva a unha asistencia sanitaria precaria para a veciñanza con esperas de até unha semana para obter unha cita médica co médico de familia. Asímesmo, hai longa lista de espera para poder obter cita en odontoloxía, fisioterapia ou coa matrona.
Dende o BNG, leváronse a cabo múltiples solicitudes ao goberno municipal para instar á Xunta de Galiza a realizar de inmediato todas as accións precisas para dotar aos centros de saúde de Marín e Seixo, co número de profesionais que sexa preciso e asegurar unha atención presencial sanitaria de calidade.
Ante estas propostas, a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, lamenta que o goberno municipal de María Ramallo nunca apoiou ningunha das iniciativas que supoñían levar a cabo melloras para o bo funcionamento nos centros de saúde de Marín e Seixo.
Por todo isto, Lucía Santos solicitará o apoio da corporación municipal para instar á Consellaría de Sanidade e leve a cabo de inmediato a implantación de consultas presenciais para todas as persoas que o demanden, así como que se establezan circuitos seguros de mobilidade con protocolo anticovid no interior dos centros de saúde e solicitar a adopción de medidas organizativas precisas para evitar as longas listas de espera na rúa para acceder aos centros. Ademais de solicitar á consellaría a incrementar de maneira urxente o orzamento sanitario destinado a Atención Primaria e contratar de inmediato persoal que sexa preciso para rematar coa precariedade no servizo de atención primaria nos centros de saúde de Marín e Seixo.
Dende o BNG, solicitamos ademais, o apoio á manifestación na defensa da sanidade pública que terá lugar en Santiago de Compostela este domingo 14 de novembro, ás 12h dende a alameda e para falicitar a asistencia, dende a plataforma en defensa do centro de saúde de Seixo pon a disposición un autobús para as persoas que desexen anotarse con antelación.