O BNG rexeita a instalación dun parque eólico nos montes do Morrazo

2021063016531676709
Foto Nós Diario

Lucía Santos afirma que “lamentamos que a nosa proposta de facer unha Declaración Institucional de rexeitamento a este proxecto non fora aceptada polos outros dous grupos presentes na Corporación Municipal.”

O BNG rexeita a instalación dun parque eólico nos montes do Morrazo

Ao pouco de termos coñecemento da boa nova que supoñía a renuncia da empresa italiana Enel Green Power España á instalación dun parque eólico nos montes do Morrazo, fíxose público que a empresa ACS, presidida por Florentino Pérez, ten interese en impulsar un parque eólico con 11 aeroxeneradores nos montes do Morrazo, varios dos cales estarían ubicados no concello de Marín.

O BNG aposta por un “modelo de enerxía eólica sustentable, xusta e galega fronte ao espolio e a depredación”. No BNG consideramos que a instalación dun parque eólico no Morrazo, con varios aeroxeneradores no noso concello, é incompatíbel coa prevalencia de usos comunais, polo que apostamos por preservar os Montes do Morrazo como montes periurbanos con vocación paisaxística, etnográfica, social, xeolóxica e natural.

A Portavoz Municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, lembra que “no BNG xa nos opuxemos ao anterior proxecto do parque eólico Pedras Negras, que contou co rexeitamento da Corporación Municipal de Marín, aínda que cómpre lembrar coa abstención do PP, e voltámonos opoñer a este proxecto.” E engade que “lamentamos que a nosa proposta de facer unha Declaración Institucional de rexeitamento a este proxecto non fora aceptada polos outros dous grupos presentes na Corporación Municipal.”

Estas noticias escenifican o modelo aceptado pola Xunta do señor Feixóo, que ante o abandono do actual modelo de enerxías fósiles vemos como as grande multinacionais encontran en Galiza todo tipo de facilidades para desenvolver os novos proxectos repetindo por enésima vez o modelo de espolio e depredación ao igual que aconteceu cos encoros ou co modelo forestal baseado no eucalipto, quedando a nosa riqueza entregada ao capital sen planificación, coa contaminación ou degradación medioambiental e sen a participación social necesaria que garanta reverter a riqueza en beneficio do noso país. O mesmo modelo que os dos distintos gobernos do Estado que o impulsan e subvencionan sen a participación necesaria e sen retorno nas zonas en que se instalan.

Lembremos que Feixóo aprobou a coñecida como “lei de depredación” (Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galiza) e en plena pandemia a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa que permite desenvolver estes proxectos cun procedemento administrativo express.

Este modelo desvincula estes proxectos do tecido produtivo galego e do compromiso de xerar emprego, nun momento de crise industrial: Barreras, Vulcano, Alcoa, Endesa... facilita a continuidade da deslocalización: Siemens Gamesa, Isowat ou a compra a baixo prezo das nosas empresas por capital estranxeiro.

O BNG aposta por crear un novo marco regulatorio que incremente as garantías sociais, económicas e medioambientais. Impulsar novos Plans de Desenvolvemento Industrial asociados a estes proxectos e vinculados as necesidade do País. Impulsar medidas que socialicen os beneficios e o retorno económico da enerxía. Prevalencia da protección ambiental sobre a urbanística e territorial garantindo a transparencia e a participación social.

No caso dos Montes do Morrazo no BNG de Marín apostamos por rexeitar estas propostas e desenvolver medidas para protexelos como espazos naturais vinculados a área metropolitana máis densamente poboada de Galiza cunha vocación medioambiental contrario ao modelo actual de barra libre sometido ao “espolio e a depredación”.

O BNG rexeita a instalación dun parque eólico nos montes do Morrazo