O BNG solicita que as terrazas non impidan a visibilidade de entradas ou escaparates de locais comerciais
Lucía Santos expresa que “tras a difícil situación que leva soportado o sector hostaleiro como consecuencia da pandemia faise imprescindíbel todo tipo de axuda ao sector, mais isto non pode ir en contra da actividade doutros locais comerciais.”
O BNG ven de presentar unha enmenda á instrucción para o establecemento de condicións xerais que regula a tramitación de autorizacións para a ocupación da vía pública por terrazas e veladores no Concello de Marín.
A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, solicita ao concello que na nova ordenanza que regulará o espazo público destinado á ocupación de terrazas e veladores polos locais de hostalaría se teña en conta, no apartado que recolle a prohibición de colocación de terrazas nos portais de acceso a edificios ou locais comerciais, que “as terrazas non dificulten a visibilidade de entradas ou fachadas de escaparates de locais comerciais.”
Lucía Santos afirma que “esta enmenda que propón o BNG é consecuencia das queixas de comerciantes da localidade que están vendo perxudicados os seus locais pola ampliación do espazo de terraza de hostalaría, xa que nalgún caso co mobiliario e parasois ocultan a visibilidade dos escaparates dos seus negocios, sentíndose discriminados por esta causa.”
A Portavoz municipal expresa que “tras a difícil situación que leva soportado o sector hostaleiro como consecuencia da pandemia faise imprescindíbel todo tipo de axuda ao sector, como pode ser contar con espazo de terraza. Mais isto non pode ir en contra da actividade doutros locais comerciais”, polo que solicita ao goberno municipal teña en conta esta cuestión no momento de autorizar a colocación de mobiliario para terrazas de veladores.