O BNG demanda solucións aos problemas de auga en Seixo
Lucía Santos lembra que “o BNG leva anos solicitando unha e outra vez que o goberno local actúe para poñer fin a esta problemática e presentando propostas para a súa solución, como levar a cabo un plan de autoxestión da auga do concello ou a utilización das numerosas minas de auga existentes no concello.”
Aínda non deu comezo o verán e a veciñanza de Seixo xa está tendo, un ano máis, graves problemas de suministro de auga. Dende hai dúas semanas, as vivendas de Seixo teñen un servizo de auga con pouca presión, agravándose especialmente a partir das 8 da tarde o que está causando importantes problemas domésticos.
É por isto, que a Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos, preguntou no pleno municipal celebrado o pasado 10 de xuño, a que se debe esta problemática de escasez de auga, ao que a alcaldesa respostou que isto é debido a unha avaría de Acuaes e estaría arranxada en 10 ou 15 días.
Lucía Santos considera inaceptábel que “ano tras ano a veciñanza de Seixo ten que soportar problemas nun servizo tan esencial e imprescindibel para a vida diaria, como é o abastecemento de auga. Nestes dez anos de goberno do PP, o goberno municipal foi foron incapaz de solucionar unha problemática que a veciñanza leva padecendo demasiado tempo.”
O BNG considera que debería ser unha prioridade para o goberno municipal asegurar un servizo de auga de calidade a todos os núcleos de Marín, reforzándoo onde sexa preciso, como é o caso de Seixo, e levar a rede de auga ás vivendas que non contan co servizo municipal.
Neste sentido a Portavoz municipal do BNG lembra que “o BNG leva anos solicitando unha e outra vez que o goberno local actúe para poñer fin a esta problemática e presentando propostas para a súa solución, como levar a cabo un plan de autoxestión da auga do concello ou a utilización das numerosas minas de auga existentes no concello.”
Lucía Santos considera que “esta problemática vén dunha deixadez de función do goberno de María Ramallo, xa que as parroquias do concello de Marín contan con abundantes minas de auga que servirían para dar abastecemento aos núcleos de vivendas que non contan co servizo de abastecemento de auga municipal.”