O BNG solicita melloras de iluminación e limpeza no túnel de entrada ao Parque Azul
Lucía Santos manifesta que “a entrada ao parque presenta un estado de suciedade e abandono inaceptábel, causada pola falta de mantemento do concello.”
Santos solicita “a inmediata limpeza integral do acceso ao Parque Azul e a súa contorna, ademais de levar a cabo melloras de iluminación e estética no túnel de acceso, e a sinalización do parque no paseo da Avda. de Ourense.”
No pasado pleno celebrado o 24 de novembro, a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, solicitou ao goberno municipal melloras no túnel de acceso ao Parque Azul de Cantodarea. Concretamente, “a inmediata limpeza integral do acceso ao Parque Azul e a súa contorna, ademais de levar a cabo melloras de iluminación e estética no túnel de acceso, e a sinalización do parque no paseo da Avda. de Ourense.”
O Parque Azul atópase nunha zona privilexiada, no paseo da Avda. de Ourense, un espazo aberto para uso e desfrute da veciñanza de Cantodarea e do resto do concello, mais segundo manifesta Lucía Santos “a entrada ao parque presenta un estado de suciedade e abandono inaceptábel, causada pola falta de mantemento do concello.”
A falta de iluminación ofrece unha imaxe de inseguridade que non anima en absoluto a acceder a este espazo de recreo. A isto hai que sumarlle os malos olores na propia entrada ao túnel debido á falta de limpeza.
O 1 de xuño de 2021, os medios de comunicación recollían unhas declaracións da alcaldesa María Ramallo nas que afirmaba que xa estaba en marcha un proxecto para mellorar a iluminación e estética do túnel. Santos indica que “xa pasou un ano e medio, un tempo máis que razonábel para realizar unha actuación tan sinxela”, polo que insta ao goberno municipal “a levar a cabo de inmediato o proxecto prometido á veciñanza de Cantodarea.”
A portavoz municipal do BNG di que “o Parque Azul conta con diferentes instalacións de ocio para rapazada de diferentes idades, ademais de ter un dos poucos accesos ao mar que conservamos no casco urbano, polo que resulta incomprensíbel a deixadez manifesta do goberno municipal con este espazo.”
Santos remata dicindo que “este espazo público debe ser coidado e posto en valor como un lugar de referencia para as actividades familiares e lúdicas ao aire libre, xa que é unha das poucas zonas de lecer da zona.”