O BNG lamenta a negativa do PP en valorar alternativas para a construción do aparcadoiro

2020112016125115980
Lucía Santos, portavoz municipal do BNG de Marín

O BNG lamenta a actitude soberbia e arrogante do concelleiro do PP Manuel Santos no debate e o desprezo co que despachou a proposta do BNG

Lucía Santos afirma que “o BNG aceptaría que, tras a realización do estudo que solicitamos, un informe técnico determine a inviabilidade da proposta. O que non podemos aceptar que un goberno se negue a valorar a proposta, despreciándoa e empeñándose nun proxecto a todas luces negativo para o noso concello.”

O BNG lamenta a negativa do PP en valorar alternativas para a construción do aparcadoiro

No Pleno da Corporación municipal celebrado o pasado xoves 24 de novembro debatiuse o estudo de viabilidade socioeconómica do aparcadoiro soterrado no parque Eguren proposto polo PP.

O BNG lamenta a actitude soberbia e arrogante do concelleiro do PP Manuel Santos no debate, e o desprezo co que despachou a proposta que o BNG puxo enriba da mesa para estudar a viabilidade de levar a cabo a construción dun aparcadoiro na parcela situada na rúa Dichosa, ao carón da rúa Tiro Naval Janer e nas inmediacións do pavillón da Escola Naval Militar.

A portavoz do BNG, Lucía Santos, afirma que “o BNG presenta unha proposta seria e meditada, tras analizar a PXOM e consultar cun profesional de recoñecido prestixio, polo que non podemos aceptar que se descalifique como “improvisación” ou “ocorrencia”. Curiosamente empregando termos polos que se ven caracterizando a política do PP en moitos ámbitos da xestión municipal, mais moi especialmente no tema do aparcamento.”

O BNG leva meses amosando o seu rexeitamento a este emprazamento non por capricho ou por levar a contraria, senón por razóns de sobra xustificadas. En palabras de Lucía Santos, “un aparcadoiro no centro da vila provocará un aumento monumental do tráfico no centro da vila, principalmente nas rúas Concepción Arenal, A Estrada, Ezequiel Massoni e Jaime Janer, nunha zona na que existen catro centros escolares, unha residencia de maiores, un centro de día e unha zona de xogos.”

Santos manifesta que “en lugar de apostar pola mobilidade sostíbel, creando espazos que faciliten a mobilidade urbana a pé ou en bicicleta, a aposta do PP pasa por levar os coches ao centro da vila, hipotecando o desenvolvemento futuro do casco urbano.”

A portavoz municipal do BNG engade que “non podemos esquecer os grandísimos inconvenientes que unha obra destas características vai provocar no centro da vila durante os anos de construción; que o proxecto presentado polo goberno de María Ramallo ofrece un número de prazas bastante limitado, 218, que non cubre nin tan sequera as prazas que se eliminaron pola obra do futuro centro cultural; e cun custe económico absolutamente desproporcionado.”

Santos explica que “a parcela conta cunha superficie de 5.139 metros cadrados e, dada a orografía do lugar, podería construirse un aparcadoiro de plantas en superficie, cun colosal abaratamento dos custes, mais tamén soterrado no seu caso, aproveitando as diferentes cotas do terreo e deixando a cuberta para dotación dun espazo de uso público.”

Lucía Santos indica que “a parcela está situada nun lugar estratéxico para expandir e desenrolar o núcleo urbano da vila, ademais de estar situado nun punto cercano a diferentes lugares de interese como o vial de praias, a praza de abastos ou a alameda. Atópase a 5 minutos camiñando da alameda e a 7 minutos da praza 8 de marzo.”

A portavoz do BNG remata dicindo que “o BNG aceptaría que, tras a realización do estudo que solicitamos, un informe técnico determine a inviabilidade da proposta. O que non podemos aceptar que un goberno se negue a valorar a proposta, despreciándoa e empeñándose nun proxecto a todas luces negativo para o noso concello.”

O BNG lamenta a negativa do PP en valorar alternativas para a construción do aparcadoiro