O BNG propón unha alternativa ao aparcadoiro soterrado do parque Eguren
Lucía Santos solicitará ao goberno municipal estudar a viabilidade de levar a cabo a construción dun aparcadoiro na parcela situada na rúa Ditosa, ao carón da rúa Tiro Naval Janer e nas inmediacións do pavillón da Escola Naval Militar, xa que este é o único espazo do centro da vila recollido no PXOM como futuro uso dotacional.
O BNG presenta unha proposta para estudar unha nova ubicación á construción e explotación dun aparcadoiro, que trasladará no debate do vindeiro pleno municipal, que terá lugar este xoves 24 de novembro.
Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, manifesta como xa o fixo no pasado mes de xuño cando se coñeceu a proposta do PP, que “a construción dun aparcadoiro soterrado no Parque Eguren vai tatalmente en contra un dos eixes fundamentais de mobilidade urbana sostíbel, xa que lonxe de limitar a circulación de vehículos no casco urbano, este proxecto de aparcadoiro no centro da vila provocaría un aumento monumental da circulación de vehículos na zona.”
Deste xeito, o BNG considera que este proxecto hipotecaría o desenvolvemento futuro do casco urbano. Ademais, Lucía Santos lembra que “cómpre ter en conta que este proxecto afectaría a unha zona na que se sitúan tres centros escolares, unha residencia de maiores, un centro de día e unha zona de xogos.”
Santos indica que “o lóxico sería potenciar a contorna con espazos que faciliten a mobilidade urbana a pé ou en bicicleta” e califica como “destrozo medioambiental” unha actuación tan agresiva nun dos poucos espazos verdes cos que conta o casco urbano de Marín. Cómpre lembrar que tan só hai tres anos que se inaugurou a zona de xogos situada no Parque Eguren, na que se investiron máis de 160.000 euros, polo que “pregamos ao goberno municipal unha mellor xestión dos cartos públicos, que non siga gastando cartos en destruír para voltar construir”, en palabras da portavoz municipal do BNG.
Ademais de todo isto, cómpre ter en conta os grandísimos inconvenientes que unha obra destas características vai provocar no centro da vila, xa que, como indica Lucía Santos, “durante os anos que dure a execución da obra, unha das principais vías de comunicación do centro da vila estaría colapsada polo paso de camións e maquinaria pesada, dificultando o acceso aos centros escolares do lugar e a mobilidade xeral no casco urbano.”
O BNG manifesta que o proxecto presentado polo goberno de María Ramallo ofrece un número de prazas bastante limitado, de 218, polo que non cubre nin tan sequera as prazas que se eliminaron pola obra do futuro centro cultural. E Lucía Santos lembra que ademais “pasarían a ser de pagamento, e aínda así, non resultan suficientes para solucionar o problema de falta de aparcamento en Marín.”
Lucía Santos considera que a proposta presentada polo PP ten “un custe económico moi elevado, xa que o concello ten que aportar 73.500 euros anuais a partir do terceiro ano durante os 40 anos de concesión do aparcamento, o que supón case 3 millóns de euros de cartos públicos destinados a un servizo de aparcamento privado, cando o custe total da obra é de 4 millóns. E isto sen contar coas posíbeis incidencias que puideran xurdir, que tería que facerse cargo o Concello.”
Por todo isto, Lucía Santos solicitará ao goberno municipal estudar a viabilidade de levar a cabo a construcción dun aparcadoiro na parcela situada na rúa Ditosa, ao carón da rúa Tiro Naval Janer e nas inmediacións do pavillón da Escola Naval Militar, xa que este é o único espazo do centro da vila recollido no PXOM como futuro uso dotacional.
Santos explica que “a parcela conta cunha superficie de 5.139 metros cadrados e, dada a orografía do lugar, podería construirse un aparcadoiro de plantas en superficie, e tamén soterrado, aproveitando as diferentes cotas do terreo e deixando a cuberta para dotación dun espazo de uso público.”
Lucía Santos indica que “a parcela está situada nun lugar estratéxico para expandir e desenrolar o núcleo urbano da vila, ademais de estar situado nun punto cercano a diferentes lugares de interese como o vial de praias, a praza de abastos ou a alameda.”
E xa por último, a portavoz municipal do BNG lembra que “o goberno local debería estar buscando desde hai moitos tempo solucións reais e efectivas, non parches temporais, absolutamente insuficientes, e dun xeito improvisado, ao problema de aparcamento en Marín, co establecemento dun ou varios estacionamentos realmente disuasorios e de balde.”
Santos reitera que “a proposta de construción dun aparcadoiro soterrado no parque Eguren, e os problemas de aparcamento na vila, voltan amosar, unha vez máis, a falta de proxecto para Marín do goberno de María Ramallo, incapaz de desenrolar iniciativas para dotar o noso concello dos servizos precisos para o seu desenrolo.”