O BNG solicita melloras no camiño escolar de acceso a Chan do Monte

IMG20221115171659
Lucía Santos, Xurxo Agra e Tino Iglesias nunha visita á zona

Lucía Santos considera “urxente reacondicionar o vial escolar para que sexa realmente un camiño escolar seguro. Non se pode agardar a que ocorra unha desgraza.”

O BNG solicita melloras no camiño escolar de acceso a Chan do Monte

Na pasada comisión informativa de policía, seguridade e mobilidade, a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, solicitou ao goberno municipal a realización de melloras no camiño escolar que dá acceso aos centros escolares IES Chan do Monte de Mogor e San Narciso.

Lucía Santos expón que “o camiño escolar que vai dende o Lavadoiro de Mogor até os centros educativos de Chan do Monte e San Narciso non ofrece seguridade para os viandantes, xa que o pintado que sinaliza o camiño escolar, ademais de estar maiormente borrado, non chega nin até a metade do percorrido. A continuación, o suposto camiño escolar continúa por unha senda de herba sen ningún tipo de indicacións e invadida pola maleza e silveiras, o que dificulta o seu acceso, polo que os viandantes teñen que continuar o camiño pola estrada, sen ningún tipo de accesibilidade que ofreza a máis mínima seguridade para os peóns.”

Nos últimos anos os desprazamentos a pé nesta zona víronse incrementados pola redución de liñas de autobús para o alumnado dos centros escolares do lugar, polo que Lucía Santos considera “urxente reacondicionar o vial escolar para que sexa realmente un camiño escolar seguro. Non se pode agardar a que ocorra unha desgraza.”

A portavoz municipal do BNG solicita “o establecemento dun camiño escolar seguro real, polo que ademais de pintar novamente o trazado do vial é preciso o acondicionamento do camiño que continúa por unha senda de herba, cunha limpeza integral, sinalización axeitada, colocación de vallas de seguridade e melloras na iluminación.”

Lucía Santos indica que “os camiños escolares son iniciativas que promoven hábitos de vida saudábeis e respecto co medio ambiente, iniciativas dirixidas a que os usuarios poidan moverse con seguridade e autonomía polas rúas e recuperen o uso e goce do espazo público. Mais para isto, cómpre dotar os camiños dunha boa sinalización e medidas de seguridade axeitadas para o fomento do seu uso con tranquilidade e comodidade.”

O BNG solicita melloras no camiño escolar de acceso a Chan do Monte