O BNG solicita melloras no parque infantil de Seixo
O Concelleiro Tino Iglesias subliña que a inversión na mellora deste parque non só beneficiaría a calidade de vida dos residentes, senón que tamén garantiría un entorno seguro e limpo para a rapazada.
No pleno municipal celebrado o pasado 18 de outubro, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) trasladou as queixas dos residentes de Seixo en relación ao estado de sucidade e insalubridade do parque infantil situado xunto á Casa de Cultura.
O concelleiro Tino Iglesias, do grupo municipal do BNG de Marín, sinalou que a continua queixa da comunidade débese á presencia de excrementos de aves así como á acumulación de desfeitos e sucidade en xeral debido á falla de limpeza neste espazo. Asemade, recentemente o BNG recibiu denuncias sobre o mal estado das instalacións do parque con randeeiras rotas, o que levou a notificar á Policía Local para sinalar as pezas danadas e prever posibles incidentes.
Estas queixas son recorrentes entre as persoas usuarias que empregan estas instalacións, quenes instan ao Concello a realizar labores de limpeza e mantemento xa que este parque é o único do núcleo de Seixo e é moi frecuentado pola rapazada, especialmente os máis cativos e cativas
Tino Iglesias solicita ao goberno municipal a levar a cabo un programa periódico de limpeza para este espazo, así como a posta a punto e mantemento constante dos xogos que se atopan no parque infantil. O concelleiro subliña que “a inversión na mellora deste parque non só beneficiaría a calidade de vida dos residentes, senón que tamén garantiría un entorno seguro e limpo para a rapazada”. É responsabilidade do goberno local asegurar que estes espazos públicos cumpran cos estándares necesarios. O BNG continuará avogando por estas melloras a prol da veciñanza.