O BNG propón a instalación de aseos públicos autolimpábeis
O BNG destaca a importancia dos aseos públicos na planificación urbana e no deseño de cidades modernas como un elemento que contribúe á saúde, á inclusión e ao benestar da veciñanza.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) resalta a importancia dos aseos públicos na planificación urbana e no deseño de cidades modernas que promovan a saúde, a inclusión e o benestar da comunidade. Neste senso, o grupo municipal de Marín, presentou unha iniciativa encamiñada á mellora da accesibilidade, seguridade e comodidade alentando o deseño de espazos urbanos inclusivos.
A proposta do BNG contempla a instalación de dous aseos públicos autolimpábeis, un deles equipado para persoas ostomizadas. A localización principal será no Paseo Alcalde Blanco, mentres que a localización do segundo aseo determinarase nun lugar aínda por definir, considerándose opcións nos arredores da Praza de Abastos, o Parque Eguren e a Alameda Rosalía de Castro.
A portavoz municipal, Lucía Santos, recoñece a diversidade da poboación e a necesidade de garantir que os aseos públicos non representen unha barreira para persoas con mobilidade reducida ou discapacidades físicas. Asemade, a iniciativa presta atención tamén á seguridade e privacidade das persoas usuarias co obxectivo de prever situacións de vulnerabilidade.
Santos suxire aproveitar o novo "Plan + Provincia" da Deputación de Pontevedra como fonte de financiamento para este proxecto. Isto permitiría obter unha subvención que cubriría total ou parcialmente o custo estimado do proxecto, ao redor de 62.000 euros (75.000 euros IVE incluído).
Esta iniciativa do BNG representa un paso significativo cara á creación dun entorno urbano máis accesible, seguro e cómodo para todas as persoas residentes e visitantes de Marín. Ademais, está en liña co Plan Especial de Acción Local (PEAL) aprobado no Pleno do pasado 14 de setembro, o que demostra unha visión coherente e un enfoque inclusivo na planificación urbana.