O BNG solicita melloras no parque infantil da barriada Pérez Crespo de Mogor

IMG_20220809_205902~2

Lucía Santos solicitou “a posta a punto e mantemento continuo dos xogos do parque infantil”

O BNG solicita melloras no parque infantil da barriada Pérez Crespo de Mogor

O BNG de Marín mantivo recentemente unha xuntanza coa asociación veciñal da Barrriada Pérez Crespo, en Mogor, para recoller as demandas do lugar e mellorar os servizos nesta parroquia.

Das múltiples propostas recollidas, a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, deu traslado da solicitude de melloras no parque infantil da Barriada Pérez Crespo en Mogor, na comisión informativa de parques e xardíns.

Este parque infantil conta cuns bancos de granito xa antigos e cheos de pintadas, polo que Lucía Santos solicitou “a reposición de novos bancos que non sexan dun material tan perigoso como o granito nun parque infantil, que supoñen un evidente risco no caso de golpes ou caídas da rapazada.”

Ademais, Santos solicitou “a posta a punto e mantemento continuo dos xogos do parque infantil, xa que debido ao seu uso, moitas das pezas están desgastadas e van soltándose, sendo as propias familias usuarias da zona de xogos as que se encargan de axustar os parafusos do mobiliario de xogos.”

Outra das reivindicacións da veciñanza é a falta de limpeza na zona. O parque infantil está rodeado de árbores, polo que frecuentemente se van acumulando as follas secas no espazo de xogos, sen que desde o concello se proceda a súa limpeza.

É por todo isto que a portavoz municipal do BNG volve lembrar unha vez máis que “a limpeza e mantemento dos bens públicos son competencias do goberno municipal, que non está cumprindo axeitadamente coa súa función de protección e mantemento.”

Temos que ter en conta que a Barriada Pérez Crespo conta cun importante número de familias con fillos e fillas, e xa que logo o parque infantil está moi concurrido por rapazada moi cativa, polo que o BNG considera que se debería facer unha actuación de posta a punto coa maior celeridade, repoñendo o mobiliario que sexa preciso e cun mantemento continuo dos espazos públicos.

O BNG solicita melloras no parque infantil da barriada Pérez Crespo de Mogor