O BNG presentará en outubro a candidatura para as municipais de 2023 nun acto público

Ana e Lucía
Ana Pontón e Lucía Santos

O acto público terá lugar o venres 14 de outubro coa participación da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos.

O BNG presentará en outubro a candidatura para as municipais de 2023 nun acto público

O BNG de Marín celebrará un acto público o venres 14 de outubro ás 20:00h., no que se presentará o primeiro tramo da candidatura do BNG, os 10 primeiros postos, para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2023.

Xurxo Agra, responsábel local do BNG de Marín, anuncia que “no acto intervirán a Portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen se achegará a Marín para arroupar e apoiar a candidatura do BNG de Marín, e a portavoz municipal Lucía Santos.” Neste momento estase traballando na organización do acto, polo que nas vindeiras semanas irase completando o formato e o lugar do mesmo.

Xurxo Agra manifesta que “ao mesmo tempo que o BNG veu desempeñando un constante traballo no Concello a través das numerosas propostas presentadas, e cun permanente contacto coa sociedade marinense con continuos encontros coa veciñanza e as diferentes campañas levadas a cabo, o BNG de Marín leva meses traballando nas eleccións municipais de 2023.”

O pasado 2 de xuño o BNG de Marín anunciou que Lucía Santos encabezará a candidatura do BNG de Marín, tras ser aprobado por unanimidade nunha asemblea celebrada en maio. E o pasado 9 de setembro a Asemblea Local do BNG de Marín aprobou, novamente por unanimidade, o primeiro tramo da candidatura para as eleccións de maio de 2023, concretamente os dez primeiros postos.

O BNG de Marín ven traballando na preparación deste proceso electoral desde hai tempo, “o que pon de manifesto a seriedade da nosa organización e o noso compromiso con Marín. O BNG presentará nas eleccións municipais unha candidatura e un programa ilusionantes, con ideas e un proxecto transformador de cara a reverter a preocupante situación na que se atopa o noso concello, que se pon de manifesto na dramática perda de poboación nos últimos 11 anos, baixo o goberno do PP” en palabras do responsábel local do BNG de Marín.

O BNG presentará en outubro a candidatura para as municipais de 2023 nun acto público