O BNG lamenta o mal estado das instalacións do paseo Alcalde Blanco
Lucía Santos manifesta que “non é normal que unhas instalacións que acaban de ser inauguradas, e nas que se investiron máis dun millón de euros, presenten xa semellante estado de deterioro.”
Santos manifesta que “a actuación máis necesaria que precisa a nosa vila para conectar Marín co mar é a actuación no espazo existente entre o casco urbano e o paseo Alcalde Blanco.”
Na comisión informativa de urbanismo celebrada este mes de setembro, a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, deu traslado do mal estado no que se atopan as instalacións recentemente inauguradas do Paseo Alcalde Blanco.
Lucía Santos afirma que “a madeira das gradas están rotas ou despegadas en diferentes zonas e perdendo a cor inicial. Asímesmo, o pavimento que cubre a zona do parque de auga tamén se está despegando.”
As obras do Paseo Alcalde Blanco, nas que se investiron 1.135.500 euros co financiamento do 80% de fondos Feder, foron rematadas a principios de ano, aínda que a zona do parque de auga non se puxo en funcionamento até a súa inauguración oficial, o pasado mes de xullo.
A portavoz municipal do BNG manifesta que “non é normal que unhas instalacións que acaban de ser inauguradas e nas que se investiron máis dun millón de euros, presenten xa semellante estado de deterioro.” Polo que insta ao goberno municipal para que “estas graves deficiencias sexan subsanadas o antes posíbel pola empresa encargada da execución da obra.”
O goberno de María Ramallo presentou o proxecto do Paseo Alcalde Blanco como “un referente en mobilidade sostíbel” para conectar o casco urbano co mar, mais “esta actuación foi en realidade unha remodelación dun espazo xa existente que non supuxo a creación dun espazo novo, polo que o resultado final está moi lonxe do que Marín realmente precisa”, en palabras de Lucía Santos.
Santos manifesta que “a actuación máis necesaria que precisa a nosa vila para conectar Marín co mar é a actuación no espazo existente entre o casco urbano e o paseo Alcalde Blanco, que permita crear un espazo peonil cómodo e accesíbel desde a zona da alameda até o paseo, e que poña fin a incomodidade que supón camiñar polo medio dun aparcadoiro sorteando coches.”
Lucía Santos recoñece que “é certo que a actuación na punta do paseo supuxo unha mellora incuestionábel no paseo, mais a actuación restante non era prioritaria”, o que pon de manifesto unha vez máis “a falta de proxecto e de ideas desde goberno do PP, que presenta como grandes logros actuacións en espazos xa existentes como son no Paseo Alcalde Blanco ou na Avenida de Ourense.”
A portavoz municipal do BNG apunta que “non comprendo como despois de oito meses desde o remate da obra, e xa finalizando o verán, o local do final do paseo destinado a hostalaría segue sen estar en funcionamento, aínda pendente de licitación.”