O BNG solicita a recuperación das minas de auga de As Raposeiras en Mogor
Lucía Santos insiste unha vez máis na “necesidade da elaboración dun estudo que permita poñer en marcha as medidas necesarias para a posta a punto de todas as minas de auga do concello e así asegurar o abastecemento de auga a todas as parroquias.”
A chegada das primeiras chuvas de outono mellorou a situación de prealerta pola seca que estamos padecendo, mais aínda non resulta suficiente para a recuperación dos mananciais e cauce normal dos ríos.
A cunca do Lérez, da que se abastece de auga o concello de Marín, vai recuperando pouco a pouco o caudal pouco pero a situación de emerxencia pola seca sigue manténdose, polo que é necesario manter un consumo responsábel da auga.
O concello de Marín conta con núcleos como Seixo, Santomé, Ardán ou San Xián que levan padecendo problemas de subministración de auga nos meses de verán durante anos, polo que a situación da seca agrava aínda máis esta problemática.
É por isto que a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, recollendo unha demanda da veciñanza da barriada Pérez Crespo, solicitou ao goberno municipal “a recuperación das minas de auga de As Raposeiras, na parroquia de Mogor, que se atopan en desuso na actualidade, e garantiría a subministración de auga á barriada e zonas próximas.”
Lucía Santos insta unha vez máis ao goberno de María Ramallo “necesidade da elaboración dun estudo que permita poñer en marcha as medidas necesarias para a posta a punto de todas as minas de auga do concello e así asegurar o abastecemento de auga a todas as parroquias.”
Segundo Santos, “non sabemos o que acontecerá o vindeiro verán, polo que Marín non pode depender unicamente do servizo de auga que se merca a Pontevedra, sobre todo cando no noso concello temos recursos propios.”
A portavoz municipal do BNG manifesta que “vimos de pasar uns meses complicados pola falta de auga, polo que é preciso que o goberno municipal se poña a traballar de inmediato para dotar a Marín de recursos propios para o abastecemento de auga. E para isto é preciso recuperar as minas de auga abandonadas e a posta a punto e mantemento de todos os depósitos do concello.”