O BNG solicita a colocación de sinalética adaptada ás persoas de espectro autista
Lucía Santos expón que “unha actuación tan sinxela como é a colocación de sinalización con pictogramas cognitivos nos edificios públicos favorecería a autonomía das persoas de espectro autista”
O BNG de Marín ven de presentar unha moción, para o seu debate no vindeiro Pleno da Corporación municipal, solicitando a colocación de sinalética adaptada ás persoas de espectro autista.
A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, afirma que “os edificios e espazos públicos deben garantir a igualdade de condicións para todas as persoas, eliminando barreiras arquitectónicas e creando entornos accesíbeis e comprensíbeis, evitando así situacións de discriminación.”
Lucía Santos manifesta que “a sociedade que queremos para todas e todos é unha sociedade inclusiva”, o que require que todas as instalacións do concello estean habilitadas para o uso de todas as persoas. Os equipamentos deben ser accesíbeis e os recursos complementarios necesarios para conseguilo teñen que estar perfectamente implementados.
A portavoz municipal do BNG expón que “unha actuación tan sinxela como é a colocación de sinalización con pictogramas cognitivos nos edificios públicos favorecería a autonomía das persoas de espectro autista, facilitando a súa orientación e mobilidade, sabendo que facer e como, ao igual que deberían estar adaptados en canto a niveis de ruído, olores e luces.”
O uso de pictogramas mediante debuxos facilitan a comprensión, resultando efectivos para axudar á accesibilidade cognitiva. É por isto, que Lucía Santos manifesta que “deberíamos ter en conta a sinalización das rúas para que a xente con diferentes necesidades de comprensión puidese saber en todo momento en que lugar se atopa e que facer no mesmo, así como dirixirse a distintas áreas e zonas do concello.”