O BNG solicita melloras no centro de saúde de Marín
Lucía Santos manifestou que “María Ramallo non pode seguir negando o colapso que está padecendo a atención primaria e isto débese ao desmantelamento que o PP leva aplicando na sanidade pública afectando seriamente aos servizos sanitarios mais básicos e esenciais da nosa veciñanza.”
Durante as festas de Nadal o Punto de Atención Continuada (P.A.C.) de Marín quedou sen persoal facultativo para atender as urxencias durante varios días, tendo que derivar á veciñanza que precisara servizos médicos aos ambulatorios de A Parda ou Bueu para poder ser atendidos por persoal médico.
Non é a primeira vez que esta situación acontece, xa que o P.A.C. de Marín tan só dispón dun médico/a e isto conleva que cada vez que se teña que desprazar para atender unha urxencia, o servizo de urxencias queda sen persoal médico.
No concello de Marín cunha poboación de máis de 24.000 habitantes, resulta imprescindíbel un servizo de urxencias, que a maiores está padecendo unha elevada taxa de contaxios COVID durante as últimas semanas.
É por isto que a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, vén de presentar unha serie de rogos para que o goberno municipal do PP presente perante a Consellaría de Sanidade e a Xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (E.O.X.I.) da Área Sanitaria de Pontevedra – O Salnés unha queixa polos feitos acontecidos consecuencia da falla de persoal no P.A.C. de Marín.
Unha vez mais, Lucía Santos insta a María Ramallo a demandar á Consellaría de Sanidade a dotación de persoal necesario para garantir unha atención accesíbel e de calidade nos centros de saúde de Marín e Seixo.
A portavoz municipal do BNG asegura “comprender que a situación sanitaria provocada pola pandemia da COVID está afectando ao persoal sanitario causando baixas mais isto non xustifica o peche do P.A.C. xa que os propios traballadores e traballadoras sanitarias levan meses demandando solucións ao SERGAS pola sobrecarga de traballo que están padecendo dende hai moito tempo.
O BNG leva anos denunciando a política de recortes que vén aplicando o goberno do PP durante os últimos anos en servizos de sanidade, causando na atención primaria unha situación precaria cunha falta de atención á veciñanza por falta de recursos como a que se está padecendo na actualidade.
Lucía Santos manifestou que “María Ramallo non pode seguir negando o colapso que está padecendo a atención primaria e isto débese ao desmantelamento que o PP leva aplicando na sanidade pública afectando seriamente aos servizos sanitarios mais básicos e esenciais da nosa veciñanza.”