O BNG lanza a campaña “Pensar Marín”

20211208_132708-1
Consello Local do BNG de Marín

Lucía Santos anuncia o lanzamento da campaña “Pensar Marín” coa finalidade de abrir un debate necesario coa sociedade marinense en relación ao Marín que queremos.

O BNG inicia este proceso cunha campaña de apoio ao comercio local “Mellor local, mellor Galego; aposta polo noso”, coa que amais procura coñecer de primeira man as preocupacións, demandas e ideas dun sector económico fundamental.

O BNG lanza a campaña “Pensar Marín”

O BNG de Marín pon en marcha unha campaña co lema “Pensar Marín”, que se desevolverá nos vindeiros meses coa finalidade de abrir un debate necesario coa sociedade marinense en relación ao Marín que queremos, ao Marín do futuro.

Coa vista posta xa nas eleccións municipais de 2023, o BNG quere achegarse e escoitar os diferentes axentes sociais e á veciñanza do noso concello, coñecer as súas inquedanzas e recoller as súas ideas para facer un Marín mellor entre todos e todas.

Marín leva 10 anos perdendo poboación, pasando de ser o concello máis poboado do Morrazo en 2010 a liderar a clasificación de concellos galegos de máis de 20.000 habitantes en perda de poboación. Lucía Santos, Portavoz municipal do BNG, afirma que “no BNG consideramos absolutamente necesario iniciar unha reflexión colectiva para analizar as causas desta tendencia tan negativa e reverter a situación convertendo Marín nun concello dinámico e vivo.”

O BNG inicia este proceso de contacto coa sociedade marinense cunha campaña de apoio ao comercio local “Mellor local, mellor Galego; aposta polo noso”. Lucía Santos asegura que “esta campaña permitirá achegarnos ás persoas responsábeis dos comercios para coñecer, mediante conversas e unha pequena enquisa, as súas preocupacións, demandas e ideas para mellorar a situación dun sector económico que para o BNG é fundamental, que xera traballo, benestar e vertebración social nas vilas e cidades.”

Para animar á veciñanza a consumir produtos de proximidade, o BNG repartirá nos comercios de Marín e Seixo material para visualizar a importancia do consumo local. “Facemos un chamamento á veciñanza para apoiar a quen crea emprego e xera riqueza e vida nas vilas e cidades”, en palabras da Portavoz municipal.

Se desde hai anos o comercio local arrastraba unha importante crise xerada pola competencia das grandes superficies, nestes momentos a súa supervivencia faise aínda máis complicada co aumento das compras por internet.

Lucía Santos lembra que “o consumo local crea unha cadea de economía circular, dá vida a unha vila e crea postos de traballo.”

Esta campaña de achegamento ao comercio local é o primeiro paso desta campaña, “Pensar Marín”, que terá continuidade nos vindeiros meses co contacto con outros axentes sociais e coa veciñanza do noso concello.

O BNG lanza a campaña “Pensar Marín”