O BNG solicita a limpeza das beirarrúas de Mogor e o Pozo da Revolta
Lucía Santos manifesta que “a veciñanza ten que camiñar pola estrada, co perigo que isto supón para a integridade das persoas, xa que se trata dunha estrada, a PO-551, cun gran volume de tráfico onde moitos vehículos pasan a gran velocidade por dito tramo.”
A Portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, solicitou no pleno municipal celebrado onte xoves, que o goberno local leve a cabo a limpeza e desbroce do Pozo da Revolta e das beirarrúas na avenida Aviador Calviño en Mogor, xa que a maleza invade totalmente a beirarrúa sendo imposíbel transitar con seguridade.
Lucía Santos manifesta que “debido o estado de inaccesibilidade no que se atopa a beirarrúa, a veciñanza ten que camiñar pola estrada, co perigo que isto supón para a integridade das persoas, xa que se trata dunha estrada, a PO-551, cun gran volume de tráfico onde moitos vehículos pasan a gran velocidade por dito tramo.”
A Portavoz municipal do BNG solicitou a limpeza e posta a punto do Pozo da Revolta, en Bagüín, na parroquia de Mogor, onde se atopa o monumento en homenaxe aos represaliados en Marín durante a guerra civil e a posguerra, e que se atopa en moi mal estado, cheo de silveiras.
As reclamacións ao goberno municipal por parte do BNG para solicitar a limpeza das beirarrúas na Avda. Aviador Calviño son continuas, a última aínda no pasado mes de novembro, polo que Lucía Santos pide “un mantemento regular das beirarrúas de Mogor, sen ter que esperar a que o acceso se volva intransitábel.”