O BNG reclama o cumprimento das promesas nas Pedreiras
Lucía Santos afirma que “non se lle pode dicir á veciñanza que se van facer unhas obras en 4 fases que custarán unha cantidade de diñeiro, e un ano despois dicirlles que non hai diñeiro para as seguintes fases e que xa se verá cando continúan os traballos. Non é serio, e é lóxico que a veciñanza estea enfadada.”
No mes de febreiro do ano 2021 o goberno do PP anunciou unha “reforma integral” na zona de Pedreiras, “coa rehumanización de diversos espazos e a renovación de todos os servizos nas rúas de Pedreiras de Arriba, Pedreiras de Abaixo, Pedreiras do Medio e Camiños da Fonte de Pedreiras.”
Debido a cuestións técnicas, en palabras do goberno local, o proxecto dividiuse en catro fases, cun investimento total de 842.961,52 euros, repartido do seguinte xeito: Pedreiras de Arriba (202.464,89 euros), Pedreiras do Medio (265.504,38 euros), Pedreiras de Abaixo (237.695,55 euros) e Camiños da Fonte de Pedreiras (141.296,70 euros).
No mes de febreiro deste ano comezaron as obras na rúa Pedreiras de Arriba, mais co paso do tempo e ante as respostas confusas, e en ocasións contraditorias, dos representantes do goberno local ante as preguntas da veciñanza en relación a cando se ían continuar as seguintes fases, o malestar comezou a aflorar na zona.
A comezos do mes de abril, a Portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, visitou a zona das Pedreiras onde recolleu ese malestar veciñal, xa que as respostas que recibiron do goberno local foi que as obras continuarán “cando haxa cartos”, sen dar a máis mínima concreción a cando poderán comezar as seguintes fases.
Ante estas respostas, e ante o feito de que o goberno local anunciou hai un ano que se ían levar a cabo unhas obras cun custe de 842.961,52 euros, e especificadas as cantidades para cada fase, a veciñanza das Pedreiras considérase enganada.
Lucía Santos afirma que “non se lle pode dicir á veciñanza que se van facer unhas obras en 4 fases que custarán unha cantidade de diñeiro, e un ano despois dicirlles que non hai diñeiro para as seguintes fases e que xa se verá cando continúan os traballos. Non é serio, e é lóxico que a veciñanza estea enfadada.”
A Portavoz municipal do BNG lembra que “estas obras están a ser executadas con cargo a fondos da Deputación de Pontevedra, e a día de hoxe o goberno local non solicitou a financiación para executar as seguintes fases do proxecto.”
Lucía Santos remata dicindo que “desde o BNG cremos que o goberno local non pode enganar deste xeito á veciñanza, e no pasado Pleno da Corporación municipal solicitamos que se poñan a traballar inmediatamente para conseguir a financiación das seguintes fases, de maneira que as obras nas distintas rúas poidan executarse unha vez que se remate a fase anterior, e evitar que as obras se eternicen ou o que é peor, non se cheguen a realizar.”