O PP rexeita elaborar unha ordenanza que regule a sinalización de comercios
Lucía Santos lamenta que o goberno do PP non contemple levar a cabo a elaboración dun regulamento que permita aos comerciantes crear unha comunicación visual óptima dos seus locais, con sinalización homoxénea co mobiliario urbano, que axude a informar e atraer consumidores aos establecementos locais.
Na pasada comisión informativa de urbanismo a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, trasladou unha proposta para elaborar unha ordenanza que regule a colocación de sinalización de comercios e locais de hostalaría e que foi rexeitada polo goberno municipal.
Lucía Santos manifesta que “esta iniciativa axudaría a dinamizar os comercios da localidade dando visibilidade especialmente, aos locais que non están situados na zona central da vila e deste xeito, animar á veciñanza a consumir produtos de proximidade.”
A portavoz municipal do BNG “lamenta que o goberno do PP non contemple levar a cabo a elaboración dun regulamento que permita aos comerciantes crear unha comunicación visual óptima dos seus locais con sinalización homoxénea co mobiliario urbano que axuden a informar e atraer consumidores aos establecementos locais.”
A negativa ante esta proposta que se pode observar en calquera cidade europea, é un síntoma máis da falta de interese do PP por desenrolar iniciativas para dinamizar o comercio local, é inxustificábel ver cómo o comercio local vai esmorecendo e non traballar en propostas que axuden a revitalizar o comercio local.
Marín conta cun elevado número de locais baleiros e cada vez son máis as rúas cheas de comercios pechados con carteis de “alúgase”. O consumo de produtos no comercio de proximidade ten un enorme valor social xa que xera riqueza, emprego e reforza a economía circular polo que é imprescindíbel desenrolar iniciativas que poñan en valor o comercio da localidade e tentar frear o peche de tendas que conleva a perda de postos de traballo.
É por isto, que dende o BNG “facemos un chamamento ao goberno municipal para que reflexione na importancia de levar a cabo accións que incentiven e potencien o comercio e hostalaría de proximidade polo ben da economía local.”