O BNG rexeita a proposta de zonificación da Consellaría de Educación
Lucía Santos afirma que "a Consellaría de Educación debería velar pola calidade e bo funcionamento dos centros de ensino público e non continuar recortando unidades."
A Portavoz Municipal do BNG engade que "perante a crise demográfica, a Consellaría de Educación debería dar prioridade absoluta á conservación de unidades nos centros públicos e reducir a oferta de prazas dos centros privados concertados."
Este pasado xoves celebrouse o Consello Escolar Municipal de Marín para examinar a situación dos centros escolares e no que a Xefatura Territorial da Consellería de Educación presentou unha proposta de zonificación con modificacións nas áreas de adscricións e áreas de influencia que afectan considerábelmente aos centros educativos de Marín.
Esta proposta foi rexeitada de xeito unánime polas ANPAS, representantes sindicais e grupos da oposición xa que cos cambios propostos estarían creando graves problemas que afectarían negativamente aos centros públicos do concello polas propostas presentadas cambiando áreas de influencia e adscricións dos centros de primaria cos centros de eduación infantil e secundaria.
A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, manifesta que “o principal problema do ensino público en Marín vén pola desmesurada competencia de prazas de centros públicos coa oferta dos centros concertados. Marín é o único concello do país que conta con dous colexios privados concertados, o CPR Inmaculada e o CPR San Narciso, e a maiores, o Sagrado Corazón de Placeres que aínda que está no concello de Pontevedra, por proximidade conta cun gran número de alumnado do noso concello.”
Segundo Lucía Santos, “perante a crise demográfica, a Consellaría de Educación debería dar prioridade absoluta á conservación de unidades nos centros públicos e reducir a oferta de prazas dos centros privados concertados.”
Os centros privados concertados contan cunha serie de ventaxas sobre os centros públicos como na zonificación na que a súa área de influencia abrangue a todas as parroquias do concello, mentras os centros públicos teñen limitacións nas súas áreas de zonificación. Os centros públicos son avaliados anualmente pola Xefatura Territorial polo que si descenden as matrículas poden perder unidades, mentras os concertados son avaliados cada seis anos. Isto supón que os centros de ensino público teñen que estar estar competindo entre sí ano tras ano para acadar o maior número de matrículas e non sufrir recortes nas súas unidades.
Evidentemente, cada familia ten o dereito de escoller o centro de ensino para as súas crianzas pero ante o descenso demográfico a Consellaría de Educación debería velar pola calidade e bo funcionamento dos centros de ensino público e evitar os recortes de unidades nos centros pùblicos.
A portavoz municipal do BNG solicita que dende Xefatura Territorial teñan en conta as peticións formuladas no Consello Escolar Municipal para a modificación da proposta de zonificación e non perxudicar a ningún centro público do concello.