O BNG solicita o arranxo do firme da estrada do Camiño San Jorge

Camiño San Jorge
Camiño San Jorge

A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, deu traslado das queixas veciñais de Cividanes polo estado no que se atopa esta estrada que é utilizada pola veciñanza do lugar a diario para acceder ás súas vivendas e está totalmente chea de baches.

O BNG solicita o arranxo do firme da estrada do Camiño San Jorge

No pasado mes de xullo, a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, instou ao goberno municipal para levar a cabo actuacións urxentes para arranxar o estado de deterioro no que se atopa o muro de sostemento do camiño de Cividanes que presenta un grave perigo de derrube, e o arranxo do Camiño San Jorge, cheo de baches e sen canalización de augas pluviais, polo que cando chove o acceso ás vivendas queda totalmente anegado.

Ante esta reclamación, o concelleiro delegado de urbanismo, Manuel Santos, recoñeceu que o proxecto non foi executado por non ser unha obra segura para as vivendas próximas ao muro, polo que o goberno municipal ten que elaborar un novo proxecto de mellora para o lugar. Isto supón que a veciñanza de A Costa terá que seguir esperando polas melloras do muro de sostemento do Camiño de Cividanes un ano mais, co perigo que isto supón xa que como manifestou o concelleiro delegado, Manuel Santos, en xaneiro do 2020, a obra resultaba unha “actuación vital polo risco de derrubamento que presenta”.

É por isto, que a portavoz do BNG pediu “a maior celeridade no novo proxecto polo ben da veciñanza que leva moito tempo esperando por unhas melloras de urxencia para a súa seguridade”, ademais de solicitar o arranxo dos baches da estrada de xeito provisional, até que se dé comezo á obra de mellora do muro de Cividanes, xa que este camiño é utilizado a diario pola veciñanza para o acceso ás súas vivendas e presenta un estado lamentábel. 

O BNG solicita o arranxo do firme da estrada do Camiño San Jorge