O BNG rexeita o novo proxecto eólico no Morrazo
O concelleiro Tino Iglesias sinala que "o novo asalto eólico desafía a vontade popular do Morrazo e a resistencia resoa máis forte ca nunca"
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) manifesta o seu firme rexeitamento á tentativa de resucitar o proxecto eólico na península do Morrazo. Esta iniciativa, previamente rexeitada por unanimidade hai tres anos, agora rexurde baixo novos disfraces. O proxecto orixinal, proposto por Enel Green Power España, foi rexeitado debido ao seu potencial impacto negativo no medio ambiente, na paisaxe e na cultura da rexión. É preocupante observar a tentativa de reintroducir esa proposta, agochándose tras novos nomes e presentando a documentación por medio doutras empresas, como Arena Power e Savanna Power. Estas empresas, cun capital social de apenas 3.000 euros, son totalmente controladas pola mesma entidade detrás do proxecto anteriormente rexeitado en Pedras Negras: Enel Green Power España, S.L., filial de Endesa, S.A.
O parque tería 15 aero-xeradores de máis de 100 metros de altura e practicamente 150 metros de diámetro, que estarían instalados nos concellos de Moaña, Marín e Vilaboa, así como 2 subestacións de evacuación eléctrica tanto en Domaio como en San Adrián de Cobres e 2 torres de observación.
Ante este novo proxecto a Plataforma "Eólicos no Morrazo Non" está celebrando asembleas veciñais nas localidades da comarca (este pasado domingo 2 tivo lugar a última delas na Casa de Cultura de Santomé de Piñeiro) e, presentando mocións en contra deste proxecto no pasado mes de maio nos plenos municipais dos concellos irmáns de Moaña, Cangas e Vilaboa e que foron aprobadas por unanimidade dos distintos grupos políticos integrantes de cada corporación municipal. Nos plenos a celebrar neste mes de xuño nos concellos de Bueu e Marín, agardamos que a resposta sexa similar.
En definitiva, a comunidade do Morrazo reafirma a súa determinación en protexer o seu medio ambiente e patrimonio cultural, resistindo firmemente á reintrodución dun proxecto eólico rexeitado anteriormente. Co apoio da Plataforma "Eólicos no Morrazo Non” a mensaxe é clara: este proxecto non é benvido.