O BNG insta ao PP a reparar todas as deficiencias que presenta a piscina municipal
Celia García considera inconcibible que, dous meses despois da reapertura e tras unha obra de máis de 600.000 euros, as instalacións da piscina municipal sigan nun estado tan lamentable.
O BNG denunciou no pleno municipal do 8 de abril graves deficiencias nas instalacións da piscina municipal, afectando á seguridade e accesibilidade das persoas usuarias. Entre os problemas destacan a falta dunha cadeira de acceso para persoas con mobilidade reducida, un ascensor fóra de servizo, un ximnasio en malas condicións e baldosas rotas no fondo da piscina.
A pesar de que o concelleiro, Antonio Traba, delegado de deportes asegurou que se estaban tomando medidas, un mes despois, a concelleira do BNG, Celia García, volveu denunciar no pleno de maio que as deficiencias persisten. Resulta inaceptable que, tras unha obra de máis de 600.000 euros e dous meses despois da reapertura, as instalacións continúen en tan malas condicións:
-
Sauna e hidromasaxe fóra de servizo, a pesar de ser necesarios para terapias de saúde.
-
Vestiarios en mal estado, con baldosas rotas, duchas avariadas e sucias.
-
Acceso entre a piscina e os vestiarios sen melloras, provocando frío e humidade, o que é prexudicial para as persoas usuarias.
Celia García critica que o goberno municipal abra as instalacións nestas condicións e, ademais, aumente o prezo da cota cando o servizo é claramente deficiente. O BNG insta ao goberno de María Ramallo a actuar de inmediato para solucionar todas as deficiencias e poñer en funcionamento todos os servizos necesarios para o uso e desfrute da veciñanza.