O BNG rexeita unha nova suba do canon de Sogama para 2025
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Marín quere manifestar o seu total rexeitamento á proposta de Sogama (Sociedade Galega do Medio Ambiente) de incrementar de novo o canon pola xestión de residuos a partir de 2025, que pasaría dos 88,05 euros actuais a 108 euros por tonelada de lixo xestionada. Esta suba suporá unha carga económica importante para os concellos galegos e, en última instancia, para a veciñanza.
O pasado 23 de xullo, Sogama xa aplicou unha subida que levou o canon dos 68,05 euros a 88,05 euros por tonelada, incremento que foi duramente criticado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que aprobou unha resolución, a instancias do BNG, rexeitando esta medida cualificada como “escandalosa e desproporcionada”.
A nova proposta de incremento do canon, que supón unha suba de máis do 60% respecto dos 68,05 euros que estaban en vigor ata xuño, deberá estar recollida nos orzamentos de Sogama para o ano próximo, así como nas contas autonómicas que a Xunta de Galicia prevé presentar en outubro. O BNG considera esta decisión unilateral e abusiva, polo que esixe un cambio de rumbo e fai un chamamento á mobilización contra este abuso.
Esta suba, segundo Sogama, responde á aplicación da “Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular”, que establece impostos á incineración e á vertedura, métodos nos que se basea o funcionamento de Sogama. Non obstante, Lucía Santos, voceira municipal, critica que Sogama continúe apostando por un modelo obsoleto, caro e antiecolóxico que penaliza á cidadanía e os concellos galegos.
O deputado nacionalista Luis Bará subliñou a necesidade dun cambio urxente na política de residuos, incentivando a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe en lugar de seguir apostando pola incineración e o vertido, solucións que representan o 80% dos residuos tratados nas instalacións de Cerceda e que están penalizadas pola normativa europea.
O BNG de Marín considera que o modelo de Sogama é un fracaso e aposta por un sistema máis descentralizado, sostible e xusto, que non cargue aos concellos e á veciñanza con subas inxustificadas e que respecte o medio ambiente e as directrices europeas.