O BNG denuncia o abandono das parcelas municipais e esixe accións inmediatas
Tino Iglesias manifestou que "a día de hoxe, esta parcela municipal atópase chea de maleza e entullos de obra, chegando a aparecer ratas". Iglesias advertiu que "esta falta de acción por parte do goberno incrementa o risco de incendios "
No pleno celebrado este mes de agosto, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) instou ao grupo de goberno do Concello de Marín a cumprir coa Ordenanza de Protección Medio Ambiental, en particular no que respecta á limpeza de solares e edificacións de titularidade municipal.
Esta solicitude nace dunha queixa veciñal recibida no buzón cidadán do BNG Marín ([email protected]), un canle de comunicación aberto coa veciñanza, onde se poden trasladar suxerencias, comentarios ou queixas coa finalidade de mellorar a calidade de vida dos e das marinenses.
Os veciños e veciñas da barriada Virxe do Porto, en Marín (A Cañota), manifestaron a súa preocupación pola contraditoria actuación do Concello. Se ben a administración local leva meses lembrando aos propietarios de parcelas a obrigatoriedade de xestionar a biomasa nas súas propiedades, o que inclúe a limpeza, desbroce e retirada de especies arbóreas, denuncian que o propio Concello non está aplicando estas mesmas medidas nas parcelas de titularidade municipal, como é o caso das instalacións da Sacoa.
Segundo Tino Iglesias, concelleiro do BNG, "a día de hoxe, esta parcela municipal atópase chea de maleza e entullos de obra, chegando a aparecer ratas". Iglesias advertiu que "esta falta de acción por parte do goberno local incrementa o risco de incendios e supón un perigo para os inmobles próximos".
Esta situación non se limita só ás instalacións da Sacoa. Outro exemplo similar de falta de limpeza pode atoparse na parcela do antigo matadoiro de Bagüín, en Mogor. Estas problemáticas súmanse ás queixas diarias da veciñanza sobre o estado dos colectores e a sucidade tanto no casco urbano como nas parroquias de Marín. A veciñanza está cansa de manifestar as súas queixas ante esta situación de abandono, que parece non ter fin.
O BNG de Marín solicita unha resposta inmediata do Concello para que se adopten as medidas necesarias que garantan a limpeza e mantemento adecuado das parcelas municipais, reducindo así os riscos e mellorando a calidade de vida dos e das veciñas de Marín.