O BNG celebra o recoñecemento das empresas locais no informe ARDÁN 2024
Lucía Santos destaca o compromiso do BNG cun crecemento económico inclusivo e sostible para a comunidade
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) felicita ás empresas de Marín polo seu destacable recoñecemento no Informe ARDÁN 2024, que subliña a súa excelencia en rendemento, innovación e sostibilidade, confirmando o notable potencial económico da nosa localidade. Este informe, elaborado polo Departamento de Servizos Avanzados do Consorcio da Zona Franca de Vigo, analiza máis de 42.000 empresas en toda Galiza, avaliando aspectos clave como a produtividade, a innovación, a xestión do talento, a internacionalización, a igualdade de xénero e a economía circular.
Lucía Santos, portavoz do BNG, afirmou: "Aplaudimos os éxitos das nosas empresas e alentámolas a seguir liderando en innovación e boas prácticas. Desde o BNG, seguiremos traballando para crear un ambiente que favoreza a creación de oportunidades para todas e todos, asegurando que os beneficios do crecemento se distribúan de forma xusta".
O BNG reafirma o seu compromiso en seguir apoiando a todas as empresas e traballar con determinación para que estas sigan consolidándose como motores de crecemento económico e exemplos de boas prácticas, contribuíndo a un futuro máis próspero e sostible para toda a veciñanza.