O BNG insta a un consumo responsable de auga ante a prealerta no río Lérez
Lucía Santos manifestou que "é importante que o Concello de Marín, como administración máis próxima á veciñanza, impulse medidas de concienciación e promoción dun uso responsable da auga”
O BNG traslada á veciñanza a súa preocupación pola activación da prealerta por escaseza de auga no sistema do río Lérez, decretada pola Oficina Técnica da Seca o pasado mércores 28 de agosto. Esta medida foi tomada ante o notable descenso do caudal do río desde mediados de xullo, sumado ás previsións meteorolóxicas que anticipan un mes de setembro con poucas precipitacións. A portavoz do BNG de Marín, Lucía Santos, destacou que "o propio presidente da Xunta xa manifestou a necesidade de adoptar medidas urxentes para garantir o abastecemento futuro, dada a vulnerabilidade do Lérez, especialmente nos meses de verán".
Marín é un dos concellos afectados por esta prealerta, e desde o BNG consideramos fundamental que tanto as autoridades locais como a cidadanía asuman a súa responsabilidade e colaboren para facer fronte a esta situación. "É importante que o Concello de Marín, como administración máis próxima á veciñanza, impulse medidas de concienciación e promoción dun uso responsable da auga" sinala Santos.
A portavoz engade que "a administración autonómica recomenda evitar actividades de alto consumo, como o enchido de piscinas ou o rego con auga potable, prácticas que deben ser minimizadas tanto polos veciños e veciñas como polas empresas e institucións." Así mesmo, a Oficina Técnica da Seca suxire aos concellos reducir os consumos non esenciais, como o baldeo de rúas, o rego de parques e xardíns, ou o uso de duchas de auga potable nas praias.
Desde o BNG subliñamos a importancia de que todas as administracións, incluído o Concello, traballen de forma coordinada para poñer en práctica estas recomendacións e garantir un uso sostible da auga. "É fundamental que se tomen medidas eficaces e inmediatas para fomentar un uso responsable da auga por parte de toda a cidadanía" remarca Santos.
Por este motivo, dende BNG apelamos tanto á veciñanza como ás autoridades locais a actuar con responsabilidade e conciencia cívica, como xa se fixo en anteriores situacións de prealerta e alerta. É necesario un compromiso colectivo na protección deste recurso vital e só coa implicación de toda a cidadanía e das administracións poderemos facer fronte a este reto e asegurar un abastecemento de auga sostible no futuro.