O BNG rexeita a proposta da Xunta do novo emisario submarino na ría
O BNG de Marín non pode aceptar unha proposta que trasladará os verquidos dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio, así como os de ENCE, ás nosas praias.
Resulta moi chamativo que desde que se fixo público tal anuncio non tivemos ningunha comunicación pública do goberno local ao respecto, nin para informar do resultado de tal reunión nin para amosar a súa postura ante unha proposta que afecta de cheo ao noso Concello.
O pasado 19 de setembro tivo lugar en Pontevedra unha reunión, que contou coa participación das conselleiras de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e do Mar, Rosa Quintana, membros das confrarías de pescadores da ría, representantes municipais dos concellos de Pontevedra e Poio e a alcaldesa de Marín María Ramallo, na que a Xunta informou da súa intención de ampliar a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Praceres e construir un novo emisario submarino.
Desde o BNG de Marín queremos amosar a nosa profunda preocupación por tal anuncio, pois amais de ampliar dun xeito moi importante a depuradora tamén se fai pública a intención de que o novo emisario desembocará á altura da praia de Portocelo. E cómpre lembrar que o emisario transporta non só os residuos dos Concellos de Pontevedra, Poio e Marín, senón tamén os de ENCE, polo que Marín recibiría todos os residuos da ría.
O BNG de Marín non pode aceptar unha proposta que suporá trasladar os verquidos dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio, así como os de ENCE, ás nosas praias. Amais non podemos pasar por alto que esta proposta ten como obxectivo principal dar solución aos residuos de ENCE, quen financiará a práctica totalidade das obras de mellora provisional da depuradora (15 dos 16 millóns do orzamento). Desde o BNG de Marín seguimos insistindo en que ENCE ten que sair da ría como primeiro paso para o saneamento da ría.
Por outra banda, resulta moi chamativo que desde que se fixo público tal anuncio non tivemos ningunha comunicación pública do goberno local ao respecto, nin para informar do resultado de tal reunión nin para amosar a súa postura ante unha proposta que afecta de cheo ao noso Concello.
A Xunta de Galiza elixe Marín para levar o novo emisario porque é consciente de que os concellos de Poio e Pontevedra, gobernados polo BNG, non aceptarán unha proposta semellante e saben que en Marín teñen un goberno cómplice que dun xeito servil asumirá o que lle boten.
Xa sabemos de sobra que o PP é unha organización política ao servizo de ENCE, mais a cidadanía e o BNG non aceptaremos un proxecto de ampliación da EDAR e un novo emisario que verterá todos os residuos da ría diante da praia de Portocelo, proxectos que tan só procuran solucionar os problemas desta fábrica, non os dos concellos da ría.
Desde o BNG propomos a elaboración dun estudo técnico que determine que precisa a ría para o seu saneamento e para dar solución aos problemas de tratamento de residuos dos concellos da ría.