O BNG presenta unha moción en apoio ás persoas denunciadas por reclamaren a devolución do Pazo de Meirás

img-20180830-wa0003
19 de Meirás

O BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal de Marín o apoio ás persoas denunciadas e que inste ao Goberno español a que inicie de xeito inmediato accións legais contra a propiedade do Pazo de Meirás, roubado ao pobo galego durante o réxime franquista, para a súa recuperación como ben público.

O BNG presenta unha moción en apoio ás persoas denunciadas por reclamaren a devolución do Pazo de Meirás

O pasado 30 de agosto de 2017 un grupo de persoas, galegas e galegos demócratas, militantes nacionalistas, sindicalistas, activistas sociais, culturais, da memoria... realizaron unha acción pacífica e simbólica, consistente en despregar dúas faixas no pazo de Meirás, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar un patrimonio que debe ser do pobo galego, de todas as galegas e galegos. Pretendían deste xeito, instar as institucións públicas que realmente teñen capacidade para o facer, a abandonaren a pasividade e a actuaren para rescatar o pazo e todo o patrimonio espoliado polo ditador Francisco Franco.

Tratouse unha acción pacífica, realizada nun día de visita pública, en que a obriga da familia detentadora do pazo era telo aberto ao público como corresponde a un patrimonio declarado como Ben de Interese Cultural. A acción durou aproximadamente 2 horas e todas as persoas que participaron nela abandonaron o edificio e o recinto do pazo en presenza de axentes da Garda Civil da mesa maneira pacífica, sen ningún tipo de incidente nin de dano ao patrimonio.

Esta ocupación simbólica de Meirás, que tivo repercusión internacional, reactivou o debate social e político sobre a recuperación do pazo e obrigou as institucións públicas a se manifestar e a actuar máis decididamente ou comezar a facelo, segundo os casos. É notorio que mesmo o Partido Popular, que nunca manifestara ningún interese polo patrimonio espoliado polos Franco, tivo que asumir -sequera formalmente- no Parlamento da Galiza o obxectivo de recuperar Meirás para o pobo galego.

Neste sentido, a Deputación Provincial da Coruña fixou unha posición unánime de toda a Corporación Provincial en que, avalada por informes histórico e xurídico respectivamente, poñen negro sobre branco a respecto de como esta propiedade chegou a ser detentada polo ditador Franco. Isto é, primeiramente a través de derivación de recursos públicos e despois a través dun contrato fraudulento de compra e venda do Pazo de Meirás en 1941 que tivo en todo momento o carácter de residencia oficial da xefatura do estado.

No pasado mes de maio, 19 das persoas participantes nesta acción pacífica e simbólica, entre as que se atopa Bieito Lobeira, militante do BNG de Marín e Secretario de Organización do BNG, tiveron coñecemento, a partir dunha notificación do Xulgado de Betanzos, de que foron denunciadas pola Fundación Nacional Francisco Franco, Carmen Franco Polo e José Cristóbal Martínez-Bordiu Franco, neto do ditador. Os delitos de que os acusan son os que se enumeran a seguir:

- Violación de morada, co agravante de violencia ou intimidación, que segundo o Código Penal español está penado con prisión de 1 a 4 anos;

- Delito contra o honor con publicidade, penado con 6 meses a 2 anos ou multa de 12 a 24 meses;

- Danos, na modalidade agravada, penado con prisión de 1 a 3 anos e multa de 12 a 24 meses; e

- Delito de odio, penado con prisión de 1 a 4 anos e multa de 6 a 12 meses.

Cómpre ter en conta que os delitos polos que son acusados por unha Fundación que realiza apoloxía do fascismo e da Ditadura, e pola filla e neto do ditador suman, no mínimo, 3 anos e 6 meses e poderían chegar até os 13 anos de prisión para cada unha das persoas denunciadas, para alén de multa nunha cantidade indeterminada. Polo tanto, poderían sumar en conxunto até 247 anos de prisión e por volta de medio millón de euros de multa.

Estamos diante dunha denuncia que é unha verdadeira barbaridade do punto de vista tanto político canto xurídico. Politicamente resulta absolutamente ferinte que os bens espoliados polo ditador continúen nas mans da súa familia e non tivesen pasado ao patrimonio público no final da ditadura. A permanencia desas propiedades na familia Franco simboliza magnificamente a continuidade das estruturas de poder real da ditadura -quer no ámbito económico, no xudicial, no mediático e mesmo en moitos aspectos no político- que foron herdadas polo réxime de 78 aínda vigorante e que produciron unha democracia de moi baixa calidade que fai que, 40 anos despois, no Estado español se continúe perseguindo a liberdade de expresión e encarcerando persoas polas súas opinións e polas súas ideas políticas.

Mais é especialmente ferinte para as vítimas do franquismo, aínda non restituídas na súa dignidade individual e colectiva polo Estado. Lembremos que estamos a falar dunha actuación criminal, dun golpe de estado que provocou millares de mortos na Galiza, unha guerra de tres anos e unha ditadura brutal que cerceou a liberdade e os dereitos no Estado español durante 40 anos. Rescatar o Pazo de Meirás, a Casa de Cornide e as estatuas do Pórtico da Gloria é, nesa medida, unha incontornábel esixencia democrática e unha maneira de facer xustiza ás vítimas directas do espolio e á totalidade de vítimas do franquismo. É, por tanto, tamén unha magnífica forma de restituír a memoria democrática e a dignidade colectiva.

Mais a acusación é sobre todo unha barbaridade do punto de vista xurídico. En primeiro lugar porque a acción simbólica foi levada a cabo nun día previsto como de visita, polo que dificilmente poderá considerarse violación de morada entrar nun edificio que ese día está aberto ao público. Non houbo, aliás, ningún tipo de violencia e durante o transcurso da acción non se produciu ningún dano.

Por último, resulta insultante que unha Fundación que se dedica a realizar apoloxía do fascismo e da ditadura (para máis vergoña democrática, con diñeiro público atribuído polo Goberno español) e que nos días previos á acción manifestou publicamente que o seu obxectivo coas visitas era 'exaltar' a figura do ditador acuse persoas demócratas dun delito de odio ou de atentado contra o honor. É o mundo ao revés.

Así pois, as acusacións feitas carecen de fundamento e o lóxico e xusto é que finalmente a acción realizada sexa considerada como o que realmente foi: un acto pacífico e democrático para expresar e defender unha posición compartida por todas as persoas demócratas deste país. Un acto, en definitiva, que debe ser entendido dentro do exercicio democrático da liberdade de expresión.

Con todo, resulta preocupante que unha Fundación que non debería existir -que non podería existir legalmente en ningún outro Estado europeo- e a familia do ditador que se aproveita e beneficia do botín de guerra, realicen acusacións tan graves e infundadas.

Isto só se pode entender no contexto político e xudicial imperante nestes anos, en que a elite política e económica se sabe amparada e protexida por unha administración de xustiza que non foi democratizada no fin da ditadura e que tivo plena liberdade para se reproducir nas mesmas claves ideolóxicas. Moitas decisións xudiciais e sentenzas que se ditaron nos últimos tempos, claramente contra a liberdade de expresión e de opinión, foron certificando que a xustiza no Estado español nin é 'igual para todos' -como sempre predican-, nin é independente e que cando é preciso actúa ao ditado dos intereses do réxime.

Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

O Concello de Marín acorda:

  1. Expresar o apoio ás persoas que o pasado 30 de agosto de 2017 participaron nunha acción pacífica e simbólica de ocupación do Pazo de Meirás, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar un patrimonio que debe ser do pobo galego.

  2. Manifestar o rexeitamento a respecto da demanda interposta pola Fundación Nacional Francisco Franco, Carmen Franco Polo e José Cristóbal Martínez Bordiú Franco contra 19 demócratas que participaron na citada ocupación pacífica e simbólica, e que son acusados de delitos de odio, contra o honor, danos e violación de morada.

  3. Expresar a condena e rexeitamento do uso do Pazo de Meirás por parte da Fundación Nacional Francisco Franco para facer apoloxía do xenocidio fascista, da Ditadura e do Ditador, e en consecuencia demandar que se inicien accións encamiñadas á ilegalización da citada Fundación.

  4. Instar ao Goberno español a que inicie de xeito inmediato accións legais contra a propiedade do Pazo de Meirás, de acordo co informe histórico-xuridico elaborado a instancia da Deputación Provincial da Coruña, e acordado por unanimidade do seu Pleno, para que a administración lexitimada para facelo poida recuperar como ben público o Pazo de Meirás, roubado ao pobo galego durante o réxime xenocida franquista.

  5. Dar traslado deste acordo ao Goberno do Estado, Parlamento de Galiza e Deputación Provincial da Coruña.

O BNG presenta unha moción en apoio ás persoas denunciadas por reclamaren a devolución do Pazo de Meirás