O BNG prosegue a campaña para crear espazos de esparcemento caninos
Lucía Santos informa que o BNG continúa a recollida de sinaturas e anima á veciñanza a achegarse á rúa Almuíña o xoves 27 de xuño, desde as 11:00 ata a 13:00 horas, para asinar e amosar o seu apoio á creación de espazos recreativos para mascotas caninas
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) convoca novamente á veciñanza de Marín a participar nunha recollida de sinaturas para apoiar a creación dun espazo de esparcemento canino. Esta iniciativa, que busca ofrecer un lugar seguro e adecuado onde os cans poidan exercitarse e socializar adecuadamente, foi posta en marcha o pasado mes de abril e tivo unha resposta inicial moi positiva.
A próxima recollida de sinaturas terá lugar este xoves, 27 de xuño, na rúa Almuíña, dende as 11:00 ata a 13:00 horas. O BNG anima a todas as persoas a achegarse para asinar e amosar o seu apoio a esta proposta. Tal e como manifestou Santos: "A creación dun espazo de esparcemento canino é unha demanda social crecente. As mascotas forman parte das nosas familias, e é esencial que teñan lugares axeitados onde exercitarse e socializar”.
O BNG agradece de antemán a participación nesta iniciativa que busca mellorar a calidade de vida tanto dos animais, das persoas propietarias como da veciñanza. Co apoio e a colaboración de todos e todas, esta proposta pode ser unha realidade.