O BNG presenta unha moción contra o peche das oficinas de Abanca e recortes de servizos para a cidadanía

lucia

O BNG está levando adiante unha seria de actuacións para poñer freo aos recortes nos servizos bancarios, polo que Lucía Santos solicitará en pleno municipal unha serie de puntos contra a indignante decisión de Abanca.

O BNG presenta unha moción contra o peche das oficinas de Abanca e recortes de servizos para a cidadanía

O BNG presentou unha moción para ser tratada no vindeiro pleno municipal que se celebrará o xoves 9 de setembro, en contra do peche das oficinas de Abanca e a prol da ampliación de servizos para a cidadanía de Seixo,

O peche da oficina de Abanca en Seixo está afectando negativamente tanto ao comercio da zona, como á veciñanza de Seixo e parroquias próximas que se ven na obriga de ter que desprazarse a Marín ou Bueu para realizar as xestións bancarias o que supón unha grave perda de servizos para a veciñanza. Isto ademais, afecta á oficina de Marín que verá aumentado o número de clientes na súa oficina e pese á longa cola de espera que se pode observar todos os días, a entidade financieira segue mantendo a redución de horario de atención ao público.

É por isto, que no marco de actuacións que o BNG está levando adiante para poñer freo a esta grave situación, a portavoz municipal, Lucía Santos, solicitará en pleno municipal unha serie de puntos para que o goberno municipal actúe contra a indignante decisión de Abanca.

Lucía Santos solicita á corporación municipal que o concello peche as contas bancarias con esta entidade e busque outra alternativa que permita recuperar o servizo bancario en Seixo a través doutra entidade financieira, asesoría bancaria ou fórmula similar que dea servizo á veciñanza de Seixo.

A portavoz municipal do BNG, pide que dende a FEGAMP se promova unha reunión conxunta entre todos os municipios afectados polo peche de oficinas para facer fronte común ante esta situación.

Lucía Santos solicita que o concello de Marín dea traslado tanto á dirección de Abanca como ao Parlamento galego e á Xunta de Galiza, do desacordo ante a decisión da entidade financieira e as consecuencias negativas que está acarreando á cidadanía. Ademais de instar ao presidente da Xunta a dar explicacións públicas do resultado da liquidación do sistema de caixas públicas galegas, a súa privatización e malvenda, xa que esta situación á que nos enfrentamos agora é consecuencia directa do goberno da Xunta que colaborou na fusión de Caixanova e Caixa Galicia, levándoas á privatización.

O BNG presenta unha moción contra o peche das oficinas de Abanca e recortes de servizos para a cidadanía