O BNG critica a política de recortes do PP na sanidade pública

58003994_1674739866006174_4638961199650701312_n
Lucía Santos

Lucía Santos afirma que “o persoal administrativo do centro de saúde non ten capacidade para poder atender as chamadas telefónicas debido á sobrecarga das súas funcións.”

A Portavoz do BNG lembra que “Dende este pasado xoves no que a Xunta de Galiza restableceu a atención médica presencial a espera para obter unha cita presencial co médico de familia ten unha demora de até 20 días.”

Esta situación resulta inaceptábel para o BNG: “Precisamos un sistema sanitario forte e con recursos para poder ofrecer á cidadanía un servizo digno e de calidade”

O BNG critica a política de recortes do PP na sanidade pública

A Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos, deu traslado no pasado Pleno municipal do estado de precariedade no que se atopan os servizos de atención á cidadanía do Centro de Saúde de Marín.

En palabras de Lucía Santos “o persoal administrativo do centro de saúde non ten capacidade para poder atender as chamadas telefónicas debido á sobrecarga das súas funcións. Isto conleva unha deficiente atención aos/ás pacientes que precisan facer calquera tipo de consulta ou solicitar cita médica, e como consecuencia provoca que a veciñanza teña que desprazarse ao centro de saúde para ser atendido presencialmente, o que xenera importantes colas de espera a diario ocupando a rúa de acceso ao edificio.”

A imposibilidade de atender todas as chamadas telefónicas por parte do persoal do centro de saúde “ocasionou situacións realmente complicadas a pacientes que se atoparon en cuarentena por COVID e resultoulles imposíbel contactar co seu médico de familia por teléfono para recibir a alta médica”, afirma a Portavoz municipal do BNG. Ademais disto, durante os meses de verán, e en plena onda de contaxios, persoas que comunicaron estar en contacto directo con contaxios COVID non recibiron chamada algunha dos rastrexadores para recibir as pautas precisas, “o que provocou que moitas destas persoas realizaran o confinamento de xeito totalmente voluntario sen ningún tipo de seguemento”, continúa Lucía Santos.

Segundo manifesta a Portavoz Municipal do BNG “para obter unha cita médica co/a médico de familia no centro de saúde de Marín até hai dous días, supoñia esperar máis de 10 días para atención médica telefónica. Dende este pasado xoves no que a Xunta de Galiza restableceu a atención médica presencial despois de 18 meses de atención telefónica a causa da crise sanitaria pola COVID, a espera para obter unha cita presencial co médico de familia ten unha demora de até 20 días. Se falamos de citas médicas para dentista, fisioterapia ou incluso matrona, a demora pode prolongarse até varios meses.”

Esta situación resulta inaceptábel para o BNG, xa que a atención primaria é un servizo fundamental para a cidadanía e o persoal continúa traballando ao límite cunha enorme carga de traballo, causando un esgotamento físico e mental insoportábel nos traballadores e traballadoras do centro de saúde.

Por todo isto, Lucía Santos solicitou á alcaldesa que dea traslado da situación na que se atopa o centro de saúde de Marín á Consellaría de Sanidade. Despois de 11 anos de recortes e privatización de servizos que vén aplicando o Sr. Feijoo na sanidade pública, a situación vivida pola COVID está poñendo en evidencia a importancia que ten investir en sanidade pública. A atención primaria do noso país atópase nunha situación moi complicada tras anos de recortes, incrementada como consecuencia das medidas adoptadas, ou da falta de medidas adoptadas, debido á pandemia. “Precisamos un sistema sanitario forte e con recursos para poder ofrecer á cidadanía un servizo digno e de calidade”, remata a Portavoz do BNG de Marín.

O BNG critica a política de recortes do PP na sanidade pública