O BNG presenta a candidatura para as municipais de 2023 nun acto público
O acto terá lugar o venres 14 de outubro, ás 20:00h. no Multiusos da praza de abastos de Marín, coa participación de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, e Lucía Santos, portavoz municipal e candidata á alcaldía do BNG de Marín.
Xurxo Agra, responsábel local do BNG de Marín afirma que “o BNG de Marín presentará unha candidatura moi potente e un programa transformador cos que reverter a preocupante situación na que se atopa o noso concello, que se pon de manifesto na dramática perda de poboación nos últimos 11 anos, baixo o goberno do PP”.
O BNG de Marín celebrará un acto público o vindeiro venres 14 de outubro ás 20:00h. no Multiusos da praza de abastos de Marín, no que se presentará o primeiro tramo da candidatura do BNG, concretamente os 10 primeiros postos, para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2023.
Xurxo Agra, responsábel local do BNG de Marín, anuncia que “no acto intervirán Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, e Lucía Santos, portavoz municipal e candidata á alcaldía do BNG de Marín. Amais contaremos coa intervención musical de Jasper, cantante do grupo Nao, recentemente disolto.”
Amais asistirán alcaldes do BNG como Leticia Santos (Moaña), Félix Juncal (Bueu) e Luciano Sobral (Poio), desculpando a súa ausencia Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra) por motivos de axenda. Tamén estarán presentes os parlamentarios do BNG Paulo Ríos, Luís Bará e Manuel Lourenzo, a eurodeputada Ana Miranda, e as portavoces municipais Sandra Fernández (Sanxenxo), Ernesto Filgueira (Cerdedo-Cotobade), e a candidata á alcaldía de Poio Marga Caldas.
Xurxo Agra manifesta que “ao mesmo tempo que o BNG veu desempeñando o seu traballo no Concello a través das numerosas propostas presentadas, e cun permanente contacto coa sociedade marinense mediante continuos encontros coa veciñanza e as diferentes campañas levadas a cabo, o BNG de Marín leva meses traballando nas eleccións municipais de 2023.”
O pasado 2 de xuño o BNG de Marín anunciou que Lucía Santos encabezará a candidatura do BNG de Marín, tras ser aprobado por unanimidade nunha asemblea celebrada en maio. E o pasado 9 de setembro a Asemblea Local do BNG de Marín aprobou, novamente por unanimidade, o primeiro tramo da candidatura para as eleccións de maio de 2023, concretamente os dez primeiros postos.
O BNG de Marín ven traballando na preparación deste proceso electoral desde hai tempo, “o que pon de manifesto a seriedade da nosa organización, o noso compromiso con Marín e o respecto pola veciñanza. O BNG presentará nas eleccións municipais unha candidatura moi potente conformada por persoas dunha grandísima capacidade e competencia en diferentes áreas, e un programa moi ilusionante, baseado nun proxecto transformador que promova a dinamización socioeconómica do noso concello e mellore a calidade de vida da veciñanza.”
“O BNG de Marín presentará unha candidatura moi potente e un programa transformador cos que reverter a preocupante situación na que se atopa o noso concello, que se pon de manifesto na dramática perda de poboación nos últimos 11 anos, baixo o goberno do PP” en palabras do responsábel local do BNG de Marín.