O BNG solicita iniciar as accións precisas para acadar a titularidade pública da illa do Santo
Ante o anuncio da posta en venta da illa do Santo, o BNG de Marín presenta unha moción na que solicita o inicio das accións precisas para acadar a titularidade pública desta illa.
A portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, considera que “é unha oportunidade magnífica para que a Illa do Santo pase a formar parte do patrimonio natural e cultural galego.”
A illa do Santo do Mar está situada na Ría de Marín, concretamente na parroquia de Ardán, fronte á praia do Santo, desde a que se pode acceder a pé por un tómbolo de area cando a marea está baixa.
A illa, que conta cunha extensión duns 3.000 metros cadrados, conserva os restos dun castro da Idade de Ferro duns 40m de lonxitude, onde se atoparon restos de cerámica que foron depositados na biblioteca pública de Marín.
Ademais, tamén se conservan restos da capela de San Clemente, que data da Idade Media, á que o trovador galego Nuno Treez adicou unha cantiga de amigo, polo que a illa conta cun gran valor patrimonial e cultural.
A Illa do Santo pertence dende hai máis dun século a unha familia da localidade que, como tivemos coñecemento recentemente a través de medios de comunicación, ven de poñela en venta por un valor de 300.000 euros, negociábeis.
A portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, considera que “é unha oportunidade magnífica para que a Illa do Santo pase a ser de titularidade pública. Trátase dun espazo absolutamente excepcional e peculiar, tanto polo seu valor arqueolóxico e patrimonial, como polo valor natural xa que está rodeada de arrecifes e o seu terreo está calificado como protexido polo seu valor paisaxístico.”
Lucía Santos engade que “non podemos esquecer que esta illa podería converterse, mediante as accións necesarias, nun importante reclamo turístico.”
E remata lembrando que “a historia de Marín xa conta con múltiples exemplos de bens patrimoniais que por decisión erradas no seu día perdéronse como o desaparecido Priorato, o Pazo da Raña, a Vila Echegaray, ou o Pazo de Cadro en mans privadas e en estado de abandono.”
Por todo iso, o BNG presenta unha moción, que será tratada no Pleno da Corporación Municipal o vindeiro xoves 13 de outubro, na que solicita que o Concello de Marín inicie as accións precisas para a recuperación da illa do Santo do Mar e acadar a titularidade pública para uso de dominio público coa intervención do goberno da Xunta, e que pase a formar parte do patrimonio natural e cultural galego.