Ana Pontón presenta a Lucía Santos como a alcaldesa que Marín precisa para darlle ao concello un cambio a favor da veciñanza

FOTO ANAPONTON MARÍN 3_3

Nun acto multitudinario Lucía Santos presenta o primeiro tramo da candidatura para as municipais de 2023 e afirma que “Marín merece moito máis, e o BNG ten as persoas e o proxecto para construir o Marín do futuro, próspero e dinámico, co que todos e todas as marinenses soñamos.”

Ana Pontón presenta a Lucía Santos como a alcaldesa que Marín precisa para darlle ao concello un cambio a favor da veciñanza

O BNG celebrou onte venres un multitudinario acto público no Multiusos da praza de abastos de Marín, no que Lucía Santos, candidata á alcaldía de Marín, presentou publicamente o primeiro tramo da candidatura do BNG para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2023.

Ante as máis de 250 persoas presentes no recinto, Lucía Santos estivo acompañada no escenario por Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.

Entre o público estiveron presentes alcaldes do BNG como Leticia Santos (Moaña), Félix Juncal (Bueu) e Luciano Sobral (Poio), desculpando a súa ausencia Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra) por motivos de axenda; os parlamentarios do BNG Paulo Ríos, Luís Bará e Manuel Lourenzo; o responsábel comarcal de Pontevedra Demetrio Gómez, o portavoz municipal de Cerdedo-Cotobade Ernesto Filgueira, e a candidata á alcaldía de Poio Marga Caldas.

O acto comezou coa intervención musical de Jasper, que emocionou aos e ás presentes cos seus temas, moi especialmente coa canción “Marín por ti”, e afirmou que “"Marín ten que escoitar máis que en ningún outro lugar o que o Bloque ten que dicir".

A continuación tomou a palabra Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, quen se referiu a Lucía Santos como “unha persoa valente para poñerse á fronte de grandes proxectos, que soña e ten ideas”. Amais destacou o exemplo de xestión dos concellos gobernados polo BNG, salientando que as persoas que representan ao BNG nas institucións “non están para servirse da xente, senón para servir á xente.”

Cristina deulle paso a Ana Pontón afirmando que será a vindeira presidenta da Xunta de Galiza. Pontón iniciou a súa intervención lembrando ás vítimas do Vila de Pitanxo, trasladándolles todo o cariño e solidariedade as súas familias. “Aquí segue a man tendida do BNG para acompañar ás familias na súa xusta petición de baixar ao barco e de que se faga xustiza.”

Pontón salientou que Lucía Santos “é a persoa idónea para ser a vindeira alcaldesa de Marín, liderando unha equipa capaz de darlle un cambio de rumbo ao concello e poñer en marcha políticas transformadoras para mellorar a vida da persoas.”

“É un día importante para o futuro de Marín porque aquí estades un bo número de persoas unidas por unha ilusión común: a de poñer en marcha o cambio que necesita este concello, e para arrancar o motor do cambio que necesita Marín estamos aquí e ese motor é a candidatura do BNG encabezada por Lucía Santos”, proclamou Pontón durante o acto.

A líder do Bloque definiu á candidata como unha persoa “íntegra, leal e honesta, con liderado, unha muller capaz de crear equipo e que traballa día a día para construír un futuro mellor para a veciñanza”, subliñou, destacando que a candidata é “unha aposta segura, a mellor alcaldesa porque ten a cabeza e o corazón centrados neste concello e a forza para darlle a Marín un novo rumbo”.

Un novo rumbo que é necesario para un concello que non vai polo bo camiño, como demostra o feito de que non deixa de perder poboación, e desde que Goberna o PP a vila ten 1.750 habitantes menos, mentres que nos concellos do Morrazo ou Pontevedra a poboación aumenta.

“Algo non se está a facer ben porque non só perde habitantes senón que tamén decrece a actividade económica, o comercio e vemos un concello paralizado que perde día a día. Algo está fallando e sabemos que non é a veciñanza nin un concello que ten un gran potencial e capacidade para saír adiante e mellorar”, argumentou a portavoz nacionalista.

Este concello, dixo, “precisa recuperar o seu orgullo, confiar no seu potencial.”

Xa por último tomou a palabra Lucía Santos, quen afirmou que “Marín é un concello cun gran potencial, ubicado nun enclave privilexiado.” Mais “Marín converteuse na última década nun concello sen dinamismo instalado nun evidente retroceso.”

Retroceso que poñen de manifesto os indicadores recollidos no IGE, cunha caída na actividade económica e sen construción de nova vivenda. Santos afirmou que “cun goberno adicado única e exclusivamente a proxectar imaxe, propaganda e publicidade, mais baleiro de contido, o resultado lóxico é un concello en decadencia.” E lembrou os dramáticos datos demográficos dos últimos 11 anos.

A continuación, Lucía Santos expuxo “a necesidade da dinamización socioeconómica de Marín e de mellorar a calidade de vida da veciñanza” mediante “un modelo urbano moderno e accesíbel, o apoio aos servizos públicos de calidade, a aposta decidida por reter e atraer novas empresas, polo comercio local, por unha programación cultural estábel, por unha oferta de lecer ampla e variada, con especial atención á mocidade, pola atracción de visitantes e turismo ao longo de todo o ano.”

Santos afirmou que pretende implantar en Marín o modelo BNG de xestión de concellos, “un modelo de éxito que fai que os concellos gobernados polo BNG sexan hoxe referentes non só a nivel galego, senón a nivel internacional.”

Salientou a necesidade de desenvolver o PXOM, recuperar os cascos históricos e abrir Marín ao mar, e da necesidade de mirar polo rural. E destacou o compromiso do BNG coa igualdade real, lembrando que neste acto as 3 persoas no escenario eran mulleres, pois “no BNG temos mulleres tremendamente válidas que non acceden aos postos de responsabilidade por satisfacer unha cota.” E proseguiu puntualizando que “non é postureo. De postureo sabemos ben en Marín, pois hai quen pasa o ano “marineando” en lugar de gobernar.”

Lucía Santos lembrou que “o BNG non naceu hai 40 anos para ser oposición. O BNG naceu para transformar as nosas vilas e cidades e mellorar a vida das persoas. E por isto, o BNG vai gobernar Marín máis cedo que tarde. Si, amigos e amigas. Marín sumarase máis cedo que tarde a ese caudal de vilas e cidades gobernadas polo BNG que avanzan.”

E rematou afirmando que “estamos traballando para conformar un proxecto ambicioso e ilusionante para Marín, coa finalidade de construir o Marín dinámico, vivo e con futuro que todos e todas as marinenses soñamos.”

E a continuación presentou o primeiro tramo da candidatura para as eleccións municipais de maio, “un conxunto de homes e mulleres cunha grandísima capacidade e ilusión, cunha gran formación e unha enorme competencia para abordar os retos do noso concello”

1.- Lucía Santos Omil

2.- Celia García Santomé

3.- José Souto Piñeiro

4.- Xurxo Agra do Pazo

5.- Davinia Lojo Amoedo

6.- Tino Iglesias García

7.- Pamela Martínez Cortegoso

8.- Bieito Lobeira Domínguez

9.- Esther Crespo Igrexas

10.- Xoán Daniel Rosales Rivas

Ana Pontón presenta a Lucía Santos como a alcaldesa que Marín precisa para darlle ao concello un cambio a favor da veciñanza