O BNG pola supresión da monarquía e o recoñecemento de Galiza como nación

46954899_1558064314340397_702252355764092928_n
Temos dereito a decidir

O BNG de Marín presenta unha moción con motivo do 40 aniversario da Constitución española, que será tratada no vindeiro Pleno da Corporación Municipal, na que solicitamos a supresión da monarquía e o recoñecemento de Galiza como nación, e por tanto, dos dereitos colectivos inherentes, moi especialmente do dereito á autodeterminación.

O BNG pola supresión da monarquía e o recoñecemento de Galiza como nación

En 40 anos do réxime político español actual, a Constitución que o consagra foi modificada unicamente en dúas ocasións, unha primeira vez por imperativo europeo tras a sinatura do Tratado de Maastricht en 1992, a segunda reforma foi en 2011 para a modificación do artigo 135, precisamente, en sentido regresivo, para priorizar os intereses da banca fronte aos das clases populares. No entanto, é claro que o texto constitucional vigorante contén eivas democráticas evidentes, que non casan cun sistema político verdadeiramente democrático, pois supoñen a negación de dereitos individuais e colectivos básicos.

Particularmente, dous aspectos chaman a atención polo seu anacronismo e incompatibilidade co respecto a dereitos democráticos esenciais. Por un lado, a negación das nacións que, como Galiza, facemos parte deste Estado. Por outro, a permanencia dunha Xefatura do Estado vitalicia e hereditaria que, ademais, nesta etapa ten a súa orixe nunha decisión do ditador Francisco Franco.

É evidente que un sistema que se queira realmente democrático debe partir de que todos os cargos públicos -canto máis a xefatura do estado- deben ser resultado da vontade popular expresada por medio do voto. Do mesmo modo, debe sustentarse no respecto de todos os pobos e dos seus dereitos colectivos. Cabe lembrar que o dereito de libre determinación fai parte da Carta das Nación Unidas e dos Pactos e acordos posteriores, todos eles asinados polo Estado español.

Así pois, a Corporación Municipal de Marín acorda PRONUNCIARSE A FAVOR de:

  1. A supresión da monarquía, por ser unha institución anacrónica e antidemocrática, e a opción por un sistema democrático e republicano.

  1. O recoñecemento de Galiza como nación e, por tanto, dos dereitos colectivos inherentes, moi especialmente do dereito de autodeterminación.

O presente acordo será comunicado, para o seu coñecemento e para os efectos oportunos, ao Parlamento de Galiza, á Xunta de Galiza, ao Congreso dos Deputados, ao Senado e ao Goberno español.

O BNG pola supresión da monarquía e o recoñecemento de Galiza como nación