O BNG esixe a modificación do pintado da PO-551 en Ardán
Varios membros do BNG de Marín, entre quen se atopaba a Portavoz Municipal Lucía Santos Omil, achegáronse onte a Ardán para falar coa veciñanza da parroquia en relación coas queixas que veñen manifestando polo recente pintado da PO-551 á altura do CEIP de Ardán.
Varios membros do BNG de Marín, entre quen se atopaba a Portavoz Municipal Lucía Santos Omil, achegáronse onte a Ardán para falar coa veciñanza da parroquia en relación coas queixas que veñen manifestando polo recente pintado da PO-551 á altura do CEIP de Ardán.
A veciñanza manifestounos a súa disconformidade co pintado desta estrada de titularidade da Xunta de Galiza, posto que introduciron uns cambios que complican dun xeito importante a circulación dos vehículos.
Concretamente, na zona situada á altura do CEIP de Ardán, da baixada de Malvido e diante do establecemento Comercial Cabaleiro, que estaban pintadas con liñas discontinuas e que permitía o acceso á PO-551 en dirección a Bueu desde a escola, a baixada de Malvido ou o establecemento comercial, foi substituída por unha liña continua que agora mesmo o impide.
Esta situación obriga á veciñanza a acceder á PO-551 en dirección a Marín, e na rotonda de Ardán dar a volta para ir cara Bueu, co conseguinte malestar dos veciños e veciñas polas molestias, que amais non entenden, pois esas zonas sempre tiveron liñas discontinuas que permitían o acceso en dirección a Bueu.
Se manter o pintado con liñas discontinuas parece razonábel na baixada de Malvido e do establecemento Comercial Cabaleiro, o pintado con liña continua na saída do CEIP de Ardán é incomprensíbel. Nesta zona hai semáforos na PO-551, polo que cando os vehículos saen do CEIP de Ardán, cando o seu semáforo está en verde, os vehículos que puideran transitar pola PO-551 están detidos no semáforo, polo que resulta incomprensíbel que non poidan acceder a esta estrada en dirección a Bueu desde a escola.
Hai un mes que tanto a ANPA do CEIP de Ardán como a Asociación de Veciños/as presentaron escritos no Concello de Marín coa intención de contactar co goberno local de cara a resolver esta situación que está a provocar unha serie de molestias á veciñanza de Ardán, mais despois dun mes non recibiron resposta do Concello.
No BNG apoiamos as demandas da veciñanza e solicitaremos na vindeira Comisión de Tráfico a restauración da situación anterior ao recente pintado da PO-551, concretamente o pintado con liñas discontinuas na baixada de Malvido, diante do establecemento Comercial Cabaleiro e na saída do CEIP de Ardán, que permitan a incorporación en dirección a Bueu dos vehículos que se incorporen a mencionada estrada, tal e como fixeron sempre.
Mais se estas modificacións no pintado da estrada parecen pouco razonábeis, que dicir da actitude do Goberno municipal do PP, que despois dun mes aínda non se puxo en contacto coa veciñanza para dar unha resposta a esta situación. Hai uns días, con motivo da solicitude de limpeza da variante de Marín VG-4.4, manifestamos a nosa preocupación ante a falta de resposta deste goberno, xa non para reverter a preocupante tendencia que manifesta o noso Concello, agravada pola inacción deste goberno popular, senón para dar solución a meros problemas de xestión e de trámite, manifestando unha incapacidade maiúscula para gobernar un Concello como Marín. Hoxe voltamos manifestala.