O BNG ofrece alternativas para impulsar Marín
Lucía Santos afirma que “a mala xestión do goberno do PP está facendo que Marín entrara nunha dinámica moi negativa, que se manifesta de xeito claro e obxectivo na dramática perda de poboación nos 12 anos de mandato do PP.”
Santos manifesta que “o BNG ten moi claro que Marín precisa rachar co conformismo e iniciar unha nova etapa cun proxecto definido orientado a impulsar o dinamismo socio-económico do noso concello que fomente a creación de emprego. E un modelo que, por outra banda, mellore a calidade de vida da veciñanza.”
O BNG de Marín realiza unha valoración negativa da xestión do goberno do PP ao longo do ano 2022, na que novamente quedou de manifesto a ausencia de proxecto deste goberno, a falta de transparencia e o nulo compromiso político para levar a cabo iniciativas do BNG aprobadas polo Pleno da Corporación municipal.
O PP ven caracterizándose nestes 12 anos de goberno pola falta de ideas e iniciativa para impulsar a transformación que Marín tanto precisa, así como pola improvisación e as ocorrencias. Un goberno que se limita a xestionar, con maior ou menor acerto, as cuestións ordinarias do concello, mais incapaz de afrontar os importantes problemas que lastran o noso desenvolvemento.
O goberno de María Ramallo amosou unha parálise total para impulsar proxectos esenciais en ámbitos tan importantes para Marín como o urbanismo. Marín sofre un goberno sen capacidade para atraer novas empresas, nin tan sequera para reter as existentes, sen iniciativa para aportar solucións efectivas aos problemas do comercio local, sen interese en deseñar unha programación cultural estable e alternativas de lecer para a veciñanza ao longo de todo o ano, e sen suficiente atención á mocidade.
Un goberno, do PP, que amosou sobradamente a súa falta de compromiso na defensa dos servizos públicos, poñéndose de perfil ante a demanda dunha mellor atención sanitaria, ou coa defensa do ensino público en Marín, permitindo o peche dunha escola infantil, o centro escolar Nosa Señora do Carme.
O BNG ven realizando unha oposición responsábel e dialogante, presentando numerosas iniciativas que resultarían beneficiosas para a dinamización socioeconómica do noso concello e a mellora da calidade de vida da veciñanza, moitas delas aprobadas polo Pleno da Corporación municipal, mais incumpridas polo goberno do PP.
Entre estas iniciativas cómpre salientar a dotación dun espazo para autocaravanas, a elaboración dunha axenda cultural estábel e programada ao longo de todo o ano, o impulso de medidas de apoio ao comercio local, o desenrolo do plan de protección do patrimonio arqueolóxico, a recuperación da contorna do río Loira e o seu patrimonio etnográfico, e de Castiñeiras coa posta en valor do espazo natural e das mámoas, a dotación de servizo de auga e saneamento municipal en todos os núcleos de rural, ou melloras no servizo de limpeza.
A mala xestión deste goberno está facendo que Marín entrara nunha dinámica moi negativa, que se manifesta de xeito claro e obxectivo na dramática perda de poboación baixo o mandato do PP. Nestes 12 anos Marín ocupa o segundo posto dos concellos galegos de entre 20.000 e 50.000 habitantes con peores datos demográficos, e todo isto nun contexto onde a práctica totalidade de concellos da contorna gañan poboación no mesmo período.
Se un concello non xera emprego, non ofrece vivenda nin alternativas de lecer, a consecuencia lóxica é a dramática perda de poboación que vén padecendo o noso concello durante estes doce anos.
O BNG ten moi claro que Marín precisa rachar co conformismo e iniciar unha nova etapa, cun proxecto definido orientado a impulsar o dinamismo socio-económico do noso concello e que fomente a creación de emprego. E un modelo que, por outra banda, mellore a calidade de vida da veciñanza.
Resulta de vital importancia o desenrolo do PXOM, aprobado en 2012, que, entre outras cousas, permita a construcción de nova vivenda, facilite a rehabilitación de inmobles nos cascos históricos e a construcción de vivendas no rural.
Cómpre apostar por un modelo urbano definido e moderno, cun proxecto de mobilidade que priorice os espazos públicos para as persoas, organizando a circulación do tráfico e resolvendo o problema do aparcamento, mellorando a conexión do casco urbano co noso entorno natural e impulsando o transporte público que conecte o casco urbano coas parroquias.
Marín precisa un goberno que impulse medidas para facilitar a instalación de novas empresas, e reter as xa existentes, e apostar pola creación de viveiros de empresas que posibiliten a creación de emprego. O comercio local é un sector básico da nosa economía que xera riqueza, emprego, dinamismo e vitalidade, polo que é preciso un apoio decidido a este sector.
Marín é unha vila mariñeira totalmente pechada ao mar, que precisa un goberno, a diferencia do actual, que mediante o diálogo co porto e a Escola Naval Militar chegue a acordos que permitan recuperar espazos para a cidadanía de Marín, cidadanía que foi moi xenerosa entregando toda a súa fachada costeira.
O BNG aposta pola implementación de medidas que permitan atraer visitantes e incrementar o turismo, un turismo responsábel e sustentábel, xa que isto potenciaría a dinamización socioeconómica do concello. Para isto, cómpre a posta en valor do rico patrimonio natural e cultural, ademais de elaborar unha programación cultural e alternativas de lecer ao longo de todo o ano, con especial atención á mocidade.
No vindeiro mes de maio a veciñanza de Marín terá a oportunidade de mudar o rumbo do noso concello nas eleccións municipais. Marín terá que escoller entre continuar a tendencia decadente amosada nestes últimos 12 anos ou un proxecto de futuro que xere oportunidades para a nosa veciñanza e convirta o noso concello nun concello referente, como o son os concellos onde goberna o BNG. Marín non pode continuar neste proceso de decaemento o no BNG temos o proxecto transformador que Marín tanto precisa.
Nunha valoración do ano 2022, non podemos esquecer dous tristes feitos que marcaron dun xeito moi profundo as nosas xentes. O naufraxio do “Vila de Pitanxo” foi un duro golpe para todos e todas nós, e o BNG de Marín quere amosar unha vez máis o noso profundo pesar polo acontecido, o noso alentó ás familias, e a noso apoio ás xustas reivindicacións das familias. O segundo feito a lamentar foi o falecemento do querido compañeiro Benito González Dopazo, concelleiro do PSOE ao que sempre lembraremos con cariño.