O BNG solicita unha mellora substancial da nova páxina web do Concello de Marín
Lucía Santos indica que “contra o anuncio da alcaldesa María Ramallo dunha nova páxina web ´clara e transparente´, atopámonos cun portal maiormente baleiro de contido”.
Lucía Santos manifesta que “o goberno municipal debe mellorar substancialmente o cumprimento da Lei de Transparencia”
O pasado mes de novembro, o Concello de Marín renovou a páxina web co obxectivo, supostamente, de facer unha ferramenta máis accesíbel e acceder a información municipal con facilidade.
Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, indica que “contra o anuncio da alcaldesa María Ramallo dunha nova páxina web ´clara e transparente´, atopámonos cun portal maiormente baleiro de contido”, xa que a maioría de apartados que aparecen non contan con información algunha.
É por isto que Lucía Santos solicitou no pleno municipal celebrado o pasado xoves 15 de decembro que se engada a información municipal en cumprimento coa Lei de Transparencia.
Lucía Santos manifesta que “o goberno municipal debe mellorar substancialmente o cumprimento da Lei de Transparencia” en cuestións tan básicas como son o acceso á información das ordes do día previas dos plenos municipais, ás actas íntegras dos plenos, comisión informativas ou ás propostas dos grupos políticos municipais.
E engade que “o portal de información municipal non ten publicado información algunha de cuestións moi importantes para a veciñanza” como son os órganos de goberno e as súas funcións, as contas anuais do concello ou os contratos de obra menor realizados por parte do goberno municipal. En canto ao apartado de orzamentos, tan só aparece publicada a información dos exercicios dos anos 2017 e 2018.
Santos afirma que a nova páxina web “carece de ferramentas tan básicas como un buscador” que facilite as consultas “ou a creación de enlaces directos” que leven directamente ao usuario a determinada información que resulte de especial importancia como poden ser ordenanzas municipais.
Amais disto, Lucía Santos manifesta que “apartados que poden resultar de interese xeral como son turismo ou cultura, tampouco contan con información algunha, co que isto implica de cara a consultas turísticas dando así unha imaxe do concello de Marín pésima.”