O MONTE, PULMÓN DE MARÍN E ESPAZO DE LECER
O BNG de Marín propón a creación dun Parque Temático de espazos naturais, etnográficos e deportivos
O BNG de Marín propón a creación dun Parque Temático de espazos naturais, etnográficos e deportivos entre o Espazo dos Sete Camiños, no Monte Pornedo, o Lago de Castiñeiras e a Cruz da Maceira, que incluiremos como unha das propostas fundamentais do noso programa para as próximas eleccións municipais.
Proposta do Bloque Nacionalista Galego de Marín para a creación dun Parque Temático de espazos naturais, etnográficos e deportivos.
A protección dos nosos montes debe ser un dos principios reitores da iniciativa política dos concellos como base para un desenvolvemento racional do entorno, tanto desde o punto de vista do aproveitamento forestal como do turismo de calidade. Precisamos fomentar unha política paisaxística e ambiental que implique as Comunidades de Montes, os propietarios e as administracións co fin de conservar e mellorar os espazos naturais que temos en Marín.
O Bloque Nacionalista Galego considera fundamental a conservación e posta en valor do noso entorno natural, por iso unha das propostas fundamentais do noso programa para as próximas eleccións municipais vai ser a creación dunha gran área de lecer forestal comprendida entre o Espazo dos Sete Camiños, no monte Pornedo, o Lago de Castiñeiras e a Cruz da Maceira. Esta zona consta dunha enorme riqueza natural, paisaxística, etnográfica, inmaterial e sobre todo arqueolóxica.
Con esta proposta pretendemos crear e multiplicar sinerxías económicas, medioambientais, deportivas e arqueolóxicas nun mesmo entorno delimitado, que podería ser ampliado en colaboración cos concellos limítrofes. Recollendo a idea do Ecoparque, consistiría na creación dun Parque Temático de espazos naturais, etnográficos e deportivos de disfrute público.
As principais actuacións no entorno consistirían en:
1. A creación de novas rutas e potenciación dos existentes con sinalización específica.
2. A creación dun área de adestramento de atletas e deportistas en pistas forestais.
3. A potenciación dos Paseos a Cabalo, actividade xa existente pero con grandes posibilidades de expansión.
4. A potenciación e interrelación co Ecoparque Multiaventura, Marín oferta lecer no medio natural.
5. A potenciación do Programa de Bicicletas Todoterreo, sempre e cando esta actividade sexa ordenada e non supoña un deterioro medioambiental do entorno.
6. A sinalización de uso da bicicleta na actual estrada de Castiñeiras até A Maceira.
7. O Apoio o plan de Política Rural que es está desenvolvendo de creación dunha Devesa Natural, e protección de árbores autóctonas.
8. A dinamización da Ruta das Mámoas. Actualmente en recuperación, catalogación e arranxo.
9. Dotación de máis areas de xantar nos espazos naturais, co arranxo e dotación de servizos onde sexa posíbel.
10. Facilitar o intercambio e sinerxías turísticas entre os municipios que dan a esta
área: Vilaboa, Moaña, e Pontevedra.
11. Creación de infraestrutura Hostaleira e de Restauración para dinamizar os núcleos rurais e fomentar o Turismo mediante a recuperación de casas rurais.
12. Ruta de Furanchos ou Tabernas - Restaurantes Rústicos.
Estamos ante unha proposta ambiciosa que vai necesitar da implicación de distintas administracións, Xunta e Deputación, e a colaboración das Comunidades de Montes. Porén, consideramos que levala adiante é moi positivo para o relanzamento económico de Marín, para a conservación do medio e a posta en valor dun entorno natural privilexiado co que contamos no noso concello.