Acto Público: #ConcellosBNG: Calidade de vida en concellos que avanzan

Cartaz Marín
#ConcellosBNG
O venres 15 de marzo o BNG de Marín organiza un acto público no que abordaremos o "modelo BNG" de xestión municipal. O acto terá lugar na Biblioteca Pública Municipal Vidal Pazos a partir das 20:30h. e contaremos coa participación de Miguel Anxo Fernández Lores (alcalde de Pontevedra), Sandra González Álvarez (alcaldesa de Tomiño) e Cristina Cid Fernández (alcaldesa de Allariz), que estarán acompañados por Lucía Santos Omil (candidata á alcaldía de Marín).
 
 
Acto Público: #ConcellosBNG: Calidade de vida en concellos que avanzan

Marín leva 8 anos padecendo un goberno local, en mans do PP, que ten demostrado sobradamente carecer dun proxecto para o noso concello. A consecuencia deste desgoberno percíbese con toda claridade na importante perda de poboación que sofre Marín desde a chegada de María Ramallo ao goberno municipal. Mentres os concellos da nosa contorna gañan poboación, Marín presenta os peores datos dos concellos galegos de entre 20.000 e 50.000 habitantes, e por suposto os peores dos concellos do Morrazo e da ría.

Marín non pode asumir con resignación esta parálise do goberno de María Ramallo, que non só impide que o noso concello avance, senón que nos condena ao retroceso. Marín ten enerxía e potencia dabondo e non se merece esta situación.

O noso concello precisa un revulsivo, e o cambio só pode vir da man do BNG. Marín precisa un tempo novo e fuxir das rutinas e deixadez do actual goberno local do PP e no BNG temos exemplos dabondo, recoñecidos dentro e fóra das nosas fronteiras, de que sabemos facer moi ben as cousas.

No BNG temos un modelo de política municipal - o modelo BNG -, contrastado e recoñecido, un modelo de prestixio premiado internacionalmente, que mellora a vida das persoas e transforma a mellor as nosas vilas e cidades.

A política municipal do BNG é por definición transformadora. Cambia os concellos, fainos máis habitábeis e á medida das persoas, muda dinámicas, crea autoestima, aumenta o desenvolvemento e o benestar. Nos concellos onde o BNG goberna a veciñanza está orgullosa do seu concello. Quérelle, gústalle vivir nel e séntese parte da súa transformación a mellor, porque o é.

E isto mesmo é o que queremos para Marín. Un Marín cun horizonte claro, que recupere o pulso, a iniciativa e a ambición por avanzar, que non sexa conformista e poña en valor os seus enormes recursos e capacidades.

Nas vindeiras eleccións municipais o BNG de Marín ofreceralle á veciñanza do noso concello un proxecto contrastado, a realidade demostrada polos Concellos do BNG. A realidade de Pontevedra, referente mundial, mais tamén a de Allariz, Tomiño Bueu, Rianxo, Carballo, Ribadeo, Moaña… e tantos outros concellos do BNG que son un exemplo.

Por último, desde o BNG de Marín queremos convidar á veciñanza de Marín a asistir a este acto público no que poremos de manifesto que a tendencia negativa que afronta o noso concello ten solución.

Acto Público: #ConcellosBNG: Calidade de vida en concellos que avanzan