O BNG de Marín presenta emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza

As emendas presentadas polo BNG inclúen a mellora do transporte público, a creación de novos viais, o abastecemento de auga e saneamento en núcleos pendentes, a protección do medio ambiente, a posta en valor do patrimonio cultural e a creación dun punto limpo para a vila.

O BNG de Marín presenta emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de presentar unha batería de 10 emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza para 2025, reclamando investimentos urxentes que o goberno do Partido Popular (PP) ignora no proxecto presentado. Estas propostas buscan mellorar a mobilidade, garantir servizos básicos e protexer o medio ambiente e o patrimonio de Marín, poñendo como prioridade as necesidades da veciñanza.

IMG-20241124-WA0008

Entre as medidas máis destacadas está a elaboración dun estudo para mellorar o transporte público que conecte Marín co Morrazo, Pontevedra e Vigo, ademais de establecer un transporte metropolitano que integre todas as parroquias da vila. O BNG tamén propón anºalizar o subsolo da Avenida de Ourense e da Praza de España para avaliar a viabilidade dun aparcamento soterrado ou dun túnel que permita liberar o centro do tráfico rodado, converténdoo nun espazo máis accesible e agradable para a veciñanza. Outro dos obxectivos principais é a mellora das infraestruturas viarias, seguindo o previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal) PXOM, para desconxestionar o tráfico e mellorar a mobilidade en Marín.

A formación nacionalista tamén fai fincapé na necesidade de garantir servizos básicos como o abastecemento de auga e o saneamento nos núcleos de Coirados-Vista Alegre e Cadro-Cadrelo, onde estas actuacións levan anos pendentes por falta de orzamento. Ademais, o BNG volve reclamar a creación dun punto limpo en Marín, unha infraestrutura clave para coidar o medio ambiente e facilitar a xestión dos residuos.

No eido ambiental e patrimonial, o BNG insiste na posta en marcha do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) en Castiñeiras, unha promesa incumprida pola Xunta, así como no investimento para a recuperación do río Loira, a continuación das escavacións no castro de A Subidá e na mellora de infraestruturas deportivas en Seixo. Ademais, pide que se destinen recursos para protexer e por en valor o patrimonio cultural de Marín.

O Grupo Municipal do BNG destacou que “estas emendas responden a necesidades reais da veciñanza e son unha chamada de atención para que a Xunta deixe de ignorar Marín nos orzamentos”. Ademais, sinalaron que “o BNG traballa para que Marín conte cos servizos e investimentos que merece, pensando sempre no benestar da súa xente e no futuro da vila”. Desde o BNG esperan que o goberno do PP rectifique e atenda estas demandas, imprescindibles para mellorar a calidade de vida da veciñanza e garantir un desenvolvemento sostible e equilibrado en Marín.

O BNG de Marín presenta emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza