O PP bloquea unha proposta do BNG para rehabilitar un edificio abandonado e convertelo en vivendas sociais
Lucía Santos critica a pasividade do PP e denuncia que rexeitar rehabilitar o inmoble da rúa Concepción Arenal evidencia a falta de compromiso do goberno local con Marín e co acceso á vivenda social.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lamenta profundamente a negativa do goberno do Partido Popular á moción que propoñía instar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a adquirir o inmoble situado na rúa Concepción Arenal 64. A iniciativa buscaba rehabilitar este edificio, abandonado durante máis de dúas décadas, e destinalo á creación de Vivendas de Protección Oficial de Promoción Pública (VPO).
A voceira do BNG, Lucía Santos, destacou que “Marín perde unha oportunidade única de ofrecer nova vivenda social á veciñanza e de recuperar un edificio histórico que leva máis de vinte anos deteriorándose no centro do municipio”. A proposta foi presentada en setembro de 2023, pero o Partido Popular mantivo paralizada a iniciativa durante máis dun ano, escudándose na necesidade dun estudo técnico para avaliar o estado do inmoble. “A día de hoxe, ese estudo non existe, o que evidencia a falta de compromiso real do goberno local coa mellora do acceso á vivenda”, afirmou Santos.
Durante o debate do pleno, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos Costa, protagonizou un comportamento que a portavoz nacionalista cualificou de “inaceptable”. O edil acusou ao BNG de supostos “intereses ocultos” e chegou a cualificar a moción como unha “chorrada”. “Estas palabras, ademais de faltar ao respecto ao BNG e á veciñanza, demostran unha actitude obstrucionista e unha falta de seriedade que non son aceptables nun goberno que debería estar ao servizo do interese xeral”, denunciou Santos.
A moción presentada polo BNG propoñía establecer un convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para adquirir e rehabilitar o inmoble. Esta operación financiaríase a través do Fondo de Cooperación do IGVS, aprobado na resolución do 2 de agosto de 2023, polo que non implicaría custe algún para o Concello de Marín. “A rehabilitación deste edificio permitiría dar resposta ás necesidades habitacionais da veciñanza e revitalizar unha área clave do centro urbano, todo sen que o Concello teña que asumir os custos”, explicou Santos.
A iniciativa do BNG perseguía varios obxectivos fundamentais: revitalizar o centro urbano mediante a recuperación dunha área estratéxica e a eliminación do abandono; eliminar unha estrutura perigosa que leva máis de vinte anos en deterioro; ampliar a oferta de vivenda social para atender á elevada demanda existente en Marín; reducir a lista de espera de demandantes de vivenda protexida; e colaborar cos obxectivos autonómicos da Xunta para a promoción de 1.200 novas vivendas públicas ao longo do ano 2023.
Lucía Santos lamenta que “a pasividade e falta de visión do goberno liderado por María Ramallo manteñan Marín estancado, empurrándoo a seguir perdendo poboación pola ausencia de proxectos que fagan do noso concello un lugar atractivo e amable para vivir”. A portavoz do BNG reafirmou o compromiso do seu grupo coa promoción dun urbanismo que priorice as necesidades da veciñanza e co acceso a unha vivenda digna e asumible.
“O futuro de Marín depende de decisións valentes e comprometidas. Desde o BNG seguiremos loitando por iniciativas que melloren a vida da nosa xente, revitalicen o noso municipio e devolvan a esperanza de crecemento e progreso”, concluíu Santos.