O BNG lamenta a privatización do edificio Baladrón

O emblemático edificio histórico, que contou co amplo apoio da veciñanza para a súa recuperación, remata en mans privadas pola inacción do goberno local.

O BNG lamenta a privatización do edificio Baladrón

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lamenta que un dos símbolos máis destacados do patrimonio cultural de Marín, como é o edificio de Baladrón, rematase en mans privadas pese ao masivo apoio cidadán á campaña promovida para garantir a súa preservación e uso público. A iniciativa, liderada polo BNG a comezos de ano, contou cunha ampla participación veciñal, con centos de sinaturas que esixían a recuperación do edificio para o beneficio colectivo.

Tino Iglesias, concelleiro do BNG de Marín, salientou a implicación social da campaña e criticou a inacción do goberno local. “Este edificio é unha parte fundamental da nosa historia e identidade. O Concello tiña nas súas mans a oportunidade de protexelo”, declarou Iglesias.

O inmoble, situado fronte á Alameda Rosalía de Castro, destaca pola súa singular arquitectura ecléctica, con elementos como columnas corintias e arcos semicirculares que o converten nunha peza única dentro do patrimonio urbano de Marín. Segundo o PXOM, o edificio está protexido contra o derrubamento, permitindo unicamente actuacións de restauración e conservación. O BNG propoñía que o edificio se destinase a usos culturais ou sociais, como un museo histórico municipal, unha biblioteca ou unha sala de estudo. “Era unha oportunidade única para revitalizar o patrimonio e poñelo ao servizo da cidadanía, fortalecendo os lazos culturais de Marín”, engadiu Iglesias.

Aínda que o obxectivo de lograr o uso público non foi acadado, Iglesias destacou un aspecto positivo: “A nosa campaña serviu para visibilizar o valor deste inmoble e contribuíu a evitar o seu deterioro. A operación urbanística actual permitirá restaurar as súas fachadas, eliminando o perigo que representaba para a veciñanza e poñendo fin a un exemplo de feísmo no corazón de Marín.”

Desde o BNG, consideran que a privatización do edificio reflicte unha clara falta de visión e compromiso do goberno local coa protección do patrimonio histórico. Non obstante, a formación destaca o impacto social da campaña e o apoio masivo recibido. “Reafirmamos o noso compromiso coa defensa do patrimonio cultural de Marín e seguiremos traballando por proxectos que poñan en valor a nosa historia e identidade”, concluíu Iglesias.

O BNG lamenta a privatización do edificio Baladrón