BNG lanza unha campaña social e política para denunciar o “espolio e a depredación” eólicos

4501864

Lucía Santos anuncia que o BNG de Marín colocará unha mesa informativa sobre o efecto dos parques eólicos na Alameda “Rosalía de Castro” o vindeiro domingo 23 de maio a partir das 12 na que se explicarán as propostas do BNG dun modelo eólico xusto e sustentábel

BNG lanza unha campaña social e política para denunciar o “espolio e a depredación” eólicos

Nos últimos dous anos, e especialmente nos últimos meses, estase a producir en todo o país un boom de parques eólicos, favorecido polos cambios do marco regulatorio enerxético estatal, as políticas europeas de fomento das renovábeis e da chamada transición verde, e as mudanzas normativas promovidas pola Xunta do PP, que lle está dando todas as facilidades á tramitación e aprobación destes proxectos, aos que atribúen grandes beneficios en materia de densenvolvemento económico e creación de emprego.

A Portavoz Municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, afirma que “as grandes empresas do oligopolio eléctrico e os gobernos da Xunta e Estado pretenden que Galiza sexa unha gran produtora de enerxía sen capacidade de decisión, cun modelo deseñado ás nosas costas, sen participación social e sen garantías de protección medioambiental. O seu obxetivo consiste en engordar ás grandes eléctricas e en espoliar os nosos recursos enerxéticos, entregados a outros territorios a cambio de nada.”

O BNG apela a unha gran resposta social que poña freo a esta desfeita antes de que sexa tarde, defendendo o dereito a decidir de Galiza tamén sobre a enerxía que aquí se produce e apostando por un modelo sustentábel que non cause graves efectos sobre o territorio.

Lucía Santos lembra que “o concello de Marín tamén podería chegar a verse afectado xa que existe un proxecto “en trámite” de parque eólico no lugar de “Pedras Negras”, na parroquia de Santomé e que tamén afecta aos concellos de Moaña e Vilaboa, aínda que este proxecto impulsado pola empresa Enel Green Power está paralizado dende o ano 2014”

É por isto que o BNG de Marín colocará unha mesa informativa sobre o efecto dos parques eólicos nos nosos montes nas inmediacións da Alameda “Rosalía de Castro”, o vindeiro domingo 23 de maio a partir das doce da mañá na que se explicarán as propostas do BNG dun modelo eólico xusto e sustentábel.

BNG lanza unha campaña social e política para denunciar o “espolio e a depredación” eólicos